----

Paula Cabaleiro, Jorge Mira e Teresa Nieto incorpóranse ao Plenario

Na sesión plenaria celebrada no serán deste xoves procedeuse á renovación dos seus membros na quenda de electivos, é dicir, persoas destacadas nos diversos campos da cultura. Incorpóranse Paula Cabaleiro (Cangas do Morrazo, 1986), Jorge Mira (Baio, 1968) e Teresa Nieto e recunca no cargo Xavier Queipo (Santiago, 1957). Foi o primeiro pleno ao que asistiu José López Campos, conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude que recibiu a insignia da institución.

A biblioteca do Consello da Cultura Galega acolleu a sesión na que se procedeu á remuda de parte dos seus membros electivos. Renovou o cargo Xavier Queipo, e incorporáronse Paula Cabaleiro, Jorge Mira e Teresa Nieto. Cesaron no posto, por cumprir o máximo tempo permitido (8 anos) Ángel Carracedo, Rebeca Blanco-Rotea e Carmen García Mateo.

O Plenario é o máximo órgano de goberno do Consello da Cultura Galega. Os cambios da súa composición teñen lugar en cumprimento da Lei de creación do Consello da Cultura Galega (Lei 8/1983, do 8 de xullo) e do Decreto 162/2008, do 10 de xullo, que establece o mecanismo de renovación. Alén dos representantes de entidades, o pleno está integrado por personalidades destacadas nos campos da cultura. No pasado mes de marzo tivo lugar outra renovación, naquel momento da quenda de representativos., que foron designados polas institucións que compoñen o plenario do Consello da Cultura Galega.

Ademais, esta foi a primeira sesión á que asistiu o actual conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. A presidenta, Rosario Álvarez, fíxolle entrega da insignia da institución