NOTICIA

----

As plantas centran o novo especial de Proxector, recursos audiovisuais en galego para a docencia

O vindeiro 18 de maio é o Día Internacional da Fascinación polas Plantas, celebración que pretende poñer o foco na importancia da investigación en botánica para a sociedade, a economía e o medio. Sobre este tema xira a nova entrega de Proxector, iniciativa que desenvolve o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC). Titúlase “De que nos falan as plantas?” e xunta unha ducia de recursos audiovisuais dirixidos a diferentes niveis educativos que amosan, desde un punto de vista científico, o relevante papel das plantas.

O especial de Proxector do mes de maio propón unha viaxe por laboratorios, hortos urbanos ecolóxicos e os xardíns descoñecidos da Costa da Morte, e, por suposto, fai unha parada na figura de Baltasar Merino, o maior coñecedor da flora galega e autor de Flora descriptiva e ilustrada de Galicia (1905-1909).

Esta entrega inclúe varias pezas audiovisuais que nos axudan a entender que son as plantas, a súa función reprodutora e as súas cores. Tamén se incorpora unha peza dos profesores Xacobo de Toro e Noemí Díaz para facer unha práctica de campo virtual en vídeo 360º que axuda a identificar plantas invasoras e mais cantos de aves autóctonas.

Inclúense tamén varias pezas que explican algúns traballos de diferentes departamentos das universidades galegas: o do Departamento de Ecotoxicoloxía da Facultade de Bioloxía da USC, que mide o nivel de contaminación do aire ou da auga a partir de diferentes variedades de musgo; o do Grupo de Investigación de Análise e de Conservación da Biodiversidade da USC, que elaborou un mapa de microrreservas de flora ameazada ao longo de toda a Costa da Morte, ou o do Grupo Divulgare da Universidade de Vigo sobre o mundo dos polimorfismos florais.

Ademais, nesta entrega hai un recurso que ensina cales son as mellores técnicas e condicións ambientais para crear un horto urbano (cal é o mellor espazo e como se debe planificar, así como cales son os principais factores que se deben ter en conta para que os resultados sexan óptimos).

O proxecto
Proxector: audiovisuais en galego para a docencia é un espazo web dedicado a recompilar, clasificar e difundir recursos audiovisuais que sirvan de apoio á docencia en lingua galega de diversas materias de bacharelato e de ensino universitario.

O proxecto orixinal foi deseñado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e botou a andar no ano 2015 no portal educativo Didactalia. En 2018 o CCG, a través do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG), sumouse á iniciativa e comezou a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos. Cumprindo coas competencias que lle son propias no eido da preservación e difusión do idioma galego, o CCG acordou asumir tamén a custodia dos datos recompilados ao longo destes anos e que, a partir de agora, estarán ao dispor da cidadanía no sitio web institucional.

Os vídeos están clasificados segundo a súa temática, o idioma no que foron gravados ou subtitulados e o nivel de ensino no que se considera que poden ser empregados. A maiores, ofrécese unha ficha descritiva coa información básica de cada recurso. Pódese acceder aos contidos a través da busca libre ou dos diferentes despregables, que permiten filtrar os resultados segundo os criterios de clasificación antes citados.