A segunda sesión de Vidas paralelas afonda na situación da arqueoloxía en Galicia e Portugal, con especial atención ao ámbito da arquitectura militar e da paisaxe. Sobre estes asuntos, en relación coas súas traxectorias profesionais, falarán Rebeca Blanco-Rotea e André Teixeira o vindeiro luns 13 de maio no Museo Arqueológico do Carmo, en Lisboa.
Como está establecido neste formato, xa están dispoñibles para consulta no web do Consello da Cultura Galega as entrevistas nas que cada un dos participantes repasa a súa traxectoria profesional. Xosé Antonio López Silva conversou con Rebeca Blanco-Rotea, mentres que Ana Tarrío fixo o propio con André Teixeira. Nelas falouse sobre o pasado, o presente e o futuro da arqueoloxía como ciencia da cultura, sobre o papel da arqueoloxía na construción da identidade galega e sobre as súas relacións coa paisaxe.
O formato de Vidas paralelas
A Cátedra de Estudos Galegos da Faculdade de Letras da Universidade de Lisboa (FLUL), en colaboración co Consello da Cultura Galega, puxo en marcha o pasado mes de abril este proxecto para dar conta de figuras destacadas en Galicia e Portugal con traxectorias semellantes.
A proposta inaugurouse cunha sesión sobre filoloxía, na que se fixo unha revisión cruzada das figuras de José Leite de Vasconcelos (1858-1941) e Andrés Martínez Salazar (1846-1923), dous pioneiros dos estudos filolóxicos en ambos os países, da man doutras dúas figuras relevantes neste campo como son Ivo Castro, catedrático da FLUL e primeiro director-fundador da Cátedra de Estudos Galegos, e Henrique Monteagudo, catedrático de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela.
Esta iniciativa constrúese en dúas etapas. A primeira ten formato web e consiste na publicación de dúas entrevistas individuais que procuran delinear un itinerario biográfico que comporte un certo autorretrato intelectual, con particular incidencia nos vencellos mutuos entre as dúas personalidades seleccionadas. A segunda etapa é presencial e consiste nun encontro-coloquio entre os protagonistas, coa finalidade de propiciar unha reflexión retrospectiva sobre os cruzamentos culturais entre o mundo galego e o portugués e as súas circunstancias históricas específicas, pero tamén a súa evolución no tempo ata a actualidade. A conversa será conducida pola persoa moderadora do encontro. O coloquio realizarase en diversos espazos de Lisboa vencellados á Cátedra de Estudos Galegos ou cedidos na cidade no ámbito da colaboración institucional con esta.
Tanto as entrevistas como o coloquio quedarán gravados e á disposición do público interesado nos espazos web do Consello da Cultura Galega e da Cátedra de Estudos Galegos, co ánimo de ir constituíndo un acervo valioso que se converta nun lugar de memoria sobre as relacións históricas e culturais entre Galicia e Portugal.