NOTICIA

----

O Álbum de Galicia incorpora a biografía da escritora e tradutora Xohana Torres

Xohana Torres (Santiago de Compostela, 1929 – Vigo, 2017) consolidouse como unha figura fundamental da literatura galega contemporánea. Escritora e tradutora pioneira, cultivou diferentes xéneros, como a poesía, a narrativa, a literatura infantil ou o teatro. A través das súas obras foi quen de crear unha “voz propia, que se uniu á súa fonda defensa da lingua e da cultura galegas, así como do papel da muller na sociedade, en xeral, e na arte, en particular”, subliña Ana Abad de Larriva. Ela é a autora da entrada que se incorpora hoxe ao Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG).

Xohana Torres

Álbum de Galicia

Xohana Torres sentiu a vocación literaria dende que era nova. Alentada polo seu mestre Ricardo Carballo Calero, comezou a publicar os seus poemas na revista Proa e, posteriormente, na cabeceira Aturuxo. Algunhas desas composicións integráronse no seu primeiro libro de poemas, Do sulco, publicado en 1957 na colección Illa Nova que acababa de crear a editorial Galaxia “para acoller as novas voces literarias”, indica Ana Abad de Larriva na súa biografía. Nela destaca tamén a faceta de Xohana Torres como recitadora, un ámbito no que sobresaíu pola “súa sensibilidade e a súa melodiosa voz”, e a grande afección que tiña polo teatro, “ao que estivera moi vinculada dende os once anos”. De feito, participou como actriz en varias montaxes escolares, así como na representación da peza El cuarto de estar que estreou o grupo Teatro Estudio de Ferrol en xuño de 1962.

Xunto coa poesía, xénero ao que pertencen as súas obras Estacións ao mar (1980), Tempo de ría (1992), Poesías reunidas (1957-2001) —publicada no ano 2004— e Elexías a Lola (2016), Xohana Torres “foi tamén pioneira no eido da literatura infantil e xuvenil”, explica Ana Abad. Escribiu os contos Polo mar van as sardiñas (1967), “primeira obra infantil galega que estivo presente nas catro linguas peninsulares”, e mais Pericles e a balea (1984). Ademais, traduciu e adaptou ao galego varios relatos, o que a converteu “na primeira tradutora da historia da literatura infanto-xuvenil galega”, continúa.

Así mesmo, destacou “como narradora para lectorado adulto a pesar de ter só unha novela publicada, Adiós, María”. Esta obra, que tivo unha grande acollida por parte dos lectores e lectoras, serviulle para alzarse en 1970 co Premio Galicia do Centro Galego de Bos Aires. Xohana Torres foi tamén unha das pioneiras do xénero dramático, “no que deixou a súa propia voz, cunha perspectiva anovadora”, indica Ana Abad de Larriva. Autora das pezas Á outra banda do Iberr (1965) e Un hotel de primeira sobre o río (1968), “no seu teatro puxo a dialogar unha linguaxe elevada e poética, sensorial, cun fondo contido crítico” e apostou “por crear protagonistas femininas que contribúen a cuestionar os roles da muller”, prosegue. Ademais, colaborou de xeito habitual con varias revistas e dirixiu algúns espazos radiofónicos. Así, en 1956 púxose á fronte do programa Teresa, orientado especificamente ás mulleres, e sete anos despois dirixiu Raíz e tempo, “considerado o primeiro programa de radio desenvolvido integramente en galego”, subliña Ana Abad.

No ano 2001 ingresou na Real Academia Galega cun discurso titulado Eu tamén navegar. O texto pódese consultar entre os materiais que se inclúen na súa entrada do Álbum de Galicia, na que tamén se anexan algúns dos poemas e artigos que publicou en cabeceiras como A Trabe de Ouro, Faro de Vigo ou Grial.

“Figura imprescindible da literatura e da cultura galega contemporáneas”, en palabras de Ana Abad, a presenza e participación de Xohana Torres “en círculos, actos culturais, publicacións e xéneros literarios de maioritaria presenza masculina foi un facho inspirador que abriu camiños”.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 725 entradas, das cales as máis recentes son as de Martín Codax, Meendinho, Johan de Cangas e Jenaro de la Fuente Domínguez.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por persoas expertas e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.