NOTICIA

----

A entrada da parteira Genoveva Vázquez Calviño incorpórase ao Álbum de Galicia

Genoveva Vázquez Calviño (Ponte Barxes, Bande, 1896 – Xinzo de Limia, 1971) exerceu como parteira nas zonas rurais de Ourense durante medio século, un labor polo que chegou a ser coñecida e respectada en toda a provincia. O Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG), acaba de incorporar a súa entrada cun texto asinado pola Asociación Escola Rural de Saúde da Limia.

Genoveva Vázquez Calviño

Álbum de Galicia

Genoveva Vázquez Calviño formouse como parteira de xeito autodidacta a través dos libros de medicina que había na súa casa e que consultaba con frecuencia para instruírse. A este coñecemento hai que sumarlle “unha longa e sólida experiencia”, indica a súa entrada no Álbum de Galicia, pois “a súa asistencia foi demandada por persoas de diferentes clases sociais no decurso de cinco décadas”. Durante o tempo que exerceu non houbo “lugar de Xinzo de Limia que Genoveva non visitase axiña para axudar nun parto”, recolle o texto da súa biografía en alusión ás palabras que pronunciou a súa filla Manuela Vázquez. Ademais, cando as mulleres se convertían en nais por vez primeira, visitábaas despois do paristallo para ensinarlles os coidados necesarios das crianzas.

Genoveva Vázquez destacou pola súa discreción no exercicio dun labor polo que non aceptaba ningún tipo de pagamento. “Grazas a ela, salváronse moitas vidas”, afírmase no texto elaborado pola Asociación Escola Rural de Saúde da Limia, no que tamén se subliña que o seu foi “un exemplo da importancia do traballo de mulleres que, coma ela, estiveron fóra dos circuítos oficiais da medicina”. É, así mesmo, un reflexo da sororidade daquelas que realizaban “actividades básicas para a vida que non reportaban beneficios económicos para quen as desenvolvía, cun elevado nivel de xenerosidade e entrega para o ben común”, continúa a súa entrada.

Como recoñecemento ao labor de Genoveva Vázquez, e por iniciativa da poboación da Limia, dedicóuselle un espazo dentro do lugar consagrado ás parteiras no Museo do Médico Rural de Maceda. Ademais, en 2022, a súa historia formou parte da mostra Mulleres, símbolo do rural, exposta na Casa da Cultura de Xinzo de Limia e, posteriormente, en 2023, na sede da Valedora do Pobo en Santiago de Compostela. Nese mesmo ano, o Concello de Xinzo de Limia homenaxeou publicamente a quen foi durante medio século a “parteira da Limia”.

A entrada de Genoveva Vázquez no Álbum de Galicia recolle, ademais da súa biografía, información xeral sobre a figura da parteira experta, así como algúns datos sobre o seu papel no antigo Exipto, na Grecia clásica e na Idade Media. Tamén se anexan a xeito de materiais complementarios diferentes artigos sobre as homenaxes que recibiu Genoveva Vázquez, unha reportaxe sobre a súa historia publicada na cabeceira Dende a Limia (31 de agosto de 2021) e varios estudos arredor da evolución da obstetricia, da puericultura e da propia profesión de parteira ou comadroa.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 725 entradas, das cales as máis recentes son as de Xohana Torres, Martín Codax, Meendinho e Johan de Cangas.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por persoas expertas e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.