NOTICIA

----

Publicados fondos documentais da Unión Progresista del Distrito de Salvatierra de Miño en Buenos Aires

A nova entrega de Memoria documental das sociedades da emigración galega , iniciativa que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), divulga a documentación pertencente á Unión Progresista del Distrito de Salvatierra de Miño en Buenos Aires. A sociedade foi creada pola colectividade de salvaterrenses na Arxentina co fin de axudar as e os compatriotas emigrados, así como de promover o desenvolvemento do seu concello natal. Entre os fondos documentais que se difunden neste mes de maio inclúense a acta de fundación da entidade, os libros de actas das reunións societarias, algúns dos seus balances e memorias, así como a correspondencia enviada e recibida.

No ano 1921 creouse a sociedade Unión Progresista del Distrito de Salvatierra de Miño en Buenos Aires, unha entidade microterritorial formada polos salvaterrenses emigrados na capital da Arxentina. De carácter progresista e agrarista, a asociación defendeu este movemento na comarca pontevedresa a través de doazóns e do apoio solidario ás reivindicacións dos labregos e labregas. A sociedade destacou tamén pola súa finalidade instrutiva, pois entre os seus obxectivos atopábase a construción de centros educativos que contribuísen ao desenvolvemento e progreso de Salvaterra de Miño.

Co fin de financiar as obras dun edificio social que servise de sede para os sindicatos agrícolas da comarca e que, ao mesmo tempo, albergase unhas aulas para a educación dos veciños e veciñas, a entidade organizou en 1926 un gran festival artístico para recadar fondos. Dous anos despois, inaugurouse a Casa do Pobo, na que, ademais dunha aula para o ensino primario, se instalou unha cooperativa agrícola. Os estatutos da Unión Cooperativa de Salvatierra de Miño forman parte dos materiais que se inclúen en Memoria documental das sociedades da emigración galega.

Ademais, a nova entrega divulga a acta de fundación da Unión Progresista del Distrito de Salvatierra de Miño en Buenos Aires, as memorias e os balances dos exercicios 1925-1927 e 1942, algunha da correspondencia enviada e recibida (1921-1936) e os libros de actas das reunións das asembleas de asociados e asociadas que tiveron lugar entre os anos 1921 e 1936. Nesta última reunión, a sociedade aprobou a súa fusión con Hijos de Fornelos y Anexos, coa que compartía o ideario agrarista e republicano. Foi entón cando adquiriu o nome de Asociación de Residentes de Salvatierra de Miño en la República Argentina, que aínda continúa en funcionamento na actualidade. A nova sociedade editou unha publicación homónima para informar sobre algunhas cuestións vinculadas coa propia entidade e para achegarlle á colectividade de salvaterrenses residentes na Arxentina as novas de Galicia. Cinco destes exemplares, xunto co número conmemorativo do vinte e cinco aniversario da fundación de Unión Progresista del Distrito de Salvatierra de Miño en Buenos Aires, están accesibles na entrega do Repertorio da prensa da emigración galega publicada neste mes de maio.

O proxecto Memoria documental das sociedades da emigración galega
O Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega puxo en marcha en febreiro de 2024 o proxecto Memoria documental das sociedades da emigración galega, unha iniciativa para divulgar os fondos documentais que se custodian no AEG sobre as diferentes asociacións microterritoriais creadas na diáspora galega. Cunha periodicidade mensual, póñense na Rede os documentos xerados por estas institucións (libros de actas, regulamentos, correspondencia, memorias sociais, libros de contabilidade etc.) co fin de contribuír á súa preservación e facilitar a súa consulta.