O programa arrincará cun relatorio de Ramón Rozas que permitirá coñecer o proceso de creación das obras e as xornadas de instalación das pezas, así como a relación da Illa das Esculturas coa sociedade ata os nosos días, ao longo dun tempo que limou diferentes tensións xurdidas da incomprensión, a falla de respecto ou a pouca confianza nas posibilidades deste recinto artístico. Após a súa intervención, falará Antón Castro, unha parte central da Illa das Esculturas, xa que foi, xunto con Rosa Olivares, comisario deste proxecto. No seu relatorio explicará a súa xénese, a selección dos participantes e a interpretación conceptual das propostas.
A xornada rematará cunha mesa redonda na que participarán o propio comisario, Antón Castro, e Fernando Casás, un dos participantes na Illa das Esculturas, xunto coa artista Soledad Penalta e con Paula Cabaleiro, comisaria de exposicións e xestora cultural. Esta mesa busca ampliar o foco do que supuxo a creación da Illa naquel momento a través da visión dunha creadora cunha linguaxe semellante á daquelas propostas e dunha xestora cultural con ampla experiencia no traballo con diferentes artistas e proxectos colectivos.
Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas
Esta xornada insírese dentro da liña de traballo de observación da realidade do sistema artístico actual que mantén a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega. A Sección está coordinada por Manuel Quintana Martelo e ten como membros a Paula Cabaleiro, Carmen Díaz Cacheda, Miguel Fernández-Cid, Jesús Pastor, María Asunción Rodríguez, Luis Rosón, Ramón Rozas, Sofía Santos, Rosario Sarmiento, Manuel Vilariño e Lucila Yáñez.



