Unha xornada revisa os vinte e cinco anos da Illa das Esculturas

En xullo de 1999 inaugurábase en Pontevedra a Illa das Esculturas, un espazo natural próximo ao centro da cidade no que realizaron as súas obras algúns dos creadores máis importantes do mundo: Richard Long, Dan Graham, Francisco Leiro…., entre moitos outros. A Illa das Esculturas vinte e cinco anos despois é o título do encontro no que a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega (CCG) xunta as persoas que botaron a andar este proxecto, como Antón Castro, con outros creadores e xestores para facer unha revisión do que foi este cuarto de século e das posibilidades de futuro. Ramón Rozas coordina esta cita, que se desenvolverá na tarde deste mércores (a partir das 17:00 horas) na Casa das Campás. A xornada non se retransmitirá en directo, pero será gravada e posteriormente subiranse os vídeos ao web e ás redes sociais do CCG.

O programa arrincará cun relatorio de Ramón Rozas que permitirá coñecer o proceso de creación das obras e as xornadas de instalación das pezas, así como a relación da Illa das Esculturas coa sociedade ata os nosos días, ao longo dun tempo que limou diferentes tensións xurdidas da incomprensión, a falla de respecto ou a pouca confianza nas posibilidades deste recinto artístico. Após a súa intervención, falará Antón Castro, unha parte central da Illa das Esculturas, xa que foi, xunto con Rosa Olivares, comisario deste proxecto. No seu relatorio explicará a súa xénese, a selección dos participantes e a interpretación conceptual das propostas.

A xornada rematará cunha mesa redonda na que participarán o propio comisario, Antón Castro, e Fernando Casás, un dos participantes na Illa das Esculturas, xunto coa artista Soledad Penalta e con Paula Cabaleiro, comisaria de exposicións e xestora cultural. Esta mesa busca ampliar o foco do que supuxo a creación da Illa naquel momento a través da visión dunha creadora cunha linguaxe semellante á daquelas propostas e dunha xestora cultural con ampla experiencia no traballo con diferentes artistas e proxectos colectivos.

Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas
Esta xornada insírese dentro da liña de traballo de observación da realidade do sistema artístico actual que mantén a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega. A Sección está coordinada por Manuel Quintana Martelo e ten como membros a Paula Cabaleiro, Carmen Díaz Cacheda, Miguel Fernández-Cid, Jesús Pastor, María Asunción Rodríguez, Luis Rosón, Ramón Rozas, Sofía Santos, Rosario Sarmiento, Manuel Vilariño e Lucila Yáñez.