O interese pola ciencia sitúase por debaixo da cultura, a alimentación, o consumo, a medicina, a saúde, a ecoloxía e o medio, pero por diante da economía, a política, os deportes e os temas de “famosos”. Os datos extraídos polo Observatorio da Cultura Galega a partir da Encuesta sobre Percepción Social de la Ciencia y la Tecnología, da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), recollen tamén as asociacións espontáneas da cidadanía cando se fala de ciencia: asóciana a progreso, medicina, saúde e loita contra as enfermidades, aínda que tamén a que é aburrida e pouco interesante. Valórase positivamente a profesión de científico, aínda que está por debaixo da dos profesionais de medicina, educación ou enxeñaría. Ademais, a valoración da profesión é menor en Galicia que no conxunto de España: o 37,2 % dos galegos e galegas cre que a profesión investigadora compensa no ámbito persoal, fronte ao 55,9 % dos españois. Tamén existe un gran consenso na percepción de que non está ben remunerada economicamente.
Os datos tamén apuntan a un menor interese pola ciencia en Galicia con respecto a España. En contraste, a cidadanía galega participa máis en actividades de divulgación. O 42,4 % asegura visitar museos de ciencia, o 62,5 % ve programas de televisión ou escoita espazos de radio sobre ciencia e o 37,4 % le libros de divulgación científica. En todos estes indicadores Galicia está por riba da media española.
O documento constata unha evolución positiva da percepción dos beneficios da ciencia. O 61,8 % da poboación asegura que os beneficios compensan os ricos, e esta percepción é mellor cando se trata de facer fronte a enfermidades e de mellorar a calidade de vida e a conservación do medio. A enquisa tamén mide o impacto da intelixencia artificial, cuxos riscos e beneficios son percibidos con certo equilibrio. Con todo, o Observatorio advirte de que se aprecia unha tendencia a ver cada vez de xeito menos favorable aplicacións concretas como a enerxía nuclear, a fractura hidráulica, a experimentación animal con fins médicos ou a robotización do traballo.
Cultura científica
Melloran tamén os indicadores sobre cultura científica. Cada vez menos persoas dubidan de que consumir alimentos modificados xeneticamente non cambia o ADN humano ou de que o ser humano e os dinosauros nunca coexistiron. O informe destaca que “aínda hai porcentaxes relativamente altas de galegos e galegas que teñen ideas erróneas, como por exemplo que os antibióticos curan enfermidades producidas por virus (25,3 %). Tampouco son indicadores positivos que un 31 % da poboación raramente lea os prospectos dos medicamentos antes de usalos nin que un 16,3 % crea que as vacinas son daniñas para os nenos e que ese é un dato que se oculta deliberadamente”.
No estudo tamén se destaca que un 42 % da cidadanía galega deixou de comprar ou comprou certos produtos por razóns éticas ou ambientais. Tamén se indica que sete de cada dez galegos ven o cambio climático como un problema serio ou moi serio.
Ademais, o estudo tamén recolle que un 66,6 % dos galegos e galegas perciben que estamos máis atrasados en comparación co contexto europeo, un 24 % máis do que en 2004. Por iso, a cidadanía demanda “un esforzo maior en investimentos dedicados á ciencia”. Sobre quen debe facer ese esforzo económico, un 70 % pensa que deben ser as empresas, os concellos e as deputacións; un 76,3 %, a Xunta de Galicia, e un 81,1 %, o Goberno de España. Curiosamente, dous terzos das persoas entrevistadas móstranse favorables a “incluír a ciencia nas súas doazóns económicas particulares”.