NOTICIA

----

Expertos e cidadanía urxen a definición dun modelo enerxético propio

“Estamos en crise enerxética, que se debe á non-adaptación do sistema enerxético aos límites da biosfera. E esta crise provoca pobreza nas economías domésticas e no ámbito empresarial”, apuntaba a profesora e investigadora Rosa Regueiro no relatorio que abriu a xornada “A cuestión enerxética en Galicia: entre economía, territorio e sociedade”, organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG). Durante dous días especialistas e investigadores, xunto con representantes de colectivos cidadáns implicados en procesos de implantación de enerxías renovables, defenderon a necesidade de definir un modelo de transición enerxética que respecte as comunidades locais, o territorio, a paisaxe, a biodiversidade e o patrimonio. A creación dunha zona franca para atraer a cadea de valor da enerxía, un sistema de tributación especial, a constitución dunha empresa pública de enerxía ou unha mellor planificación da ordenación do territorio son algunhas das medidas que se puxeron sobre a mesa. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, incidiu na inauguración en que esta xornada se insire nunha liña de traballo continuada da institución, “preocupada pola perda da diversidade, a situación real do clima e as consecuencias que pode ter o modelo enerxético sobre o patrimonio e os valores culturais do pobo galego”.
Expertos e cidadanía urxen a definición dun modelo enerxético propio

No Día do Medio Ambiente o Consello da Cultura Galega, a través das seccións de Pensamento, de Patrimonio e Bens Culturais e de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade, convocou todos os axentes implicados na cuestión enerxética para buscar camiños de consenso arredor dos conflitos que provoca a cuestión enerxética e da necesidade de preservar o valor cultural, patrimonial e paisaxístico. A profesora e investigadora Rosa Regueiro, da Universidade de Santiago de Compostela (USC), co seu relatorio situou o debate no actual período de transición enerxética e de descarbonización e incidiu en que a implantación total das enerxías renovables non vai ser inminente “porque o sistema non está deseñado para que sexa así e moito menos de forma inmediata”. Tamén recoñeceu que as enerxías renovables “son verdes”, pero non se pode dicir que sexan “actuacións de impacto cero”. Reclamou a necesidade de “establecer medidas ad hoc para cada territorio en función das debilidades que teña” e de implementar medidas de prevención no ámbito das políticas enerxéticas. Nesta idea incidiu Xavier Labandeira, director adxunto do Centro Interuniversitario ECOBAS, quen explicou que “é imposible chegar aos obxectivos fixados de descarbonización sen aplicar impostos elevados aos carburantes”. Na súa opinión, cómpre unha maior electrificación, un transporte compatible coa transición ecolóxica e un aumento da circularidade.

Na primeira das mesas de debate, realizada na tarde do mércores, os expertos participantes afondaron nos aspectos socioeconómicos de Galicia. Fernando de Llano Paz puxo sobre a mesa cifras do consumo enerxético, derivadas do estudo realizado pola Universidade da Coruña a partir das cifras do Instituto Enerxético de Galicia, que indican que “temos un grave problema de dependencia enerxética: importamos o 75 % da enerxía primaria que precisamos porque o que temos non abonda”. Apuntou que o sector enerxético achega arredor do 4-5 % do PIB no noso país, uns 3000 millóns de euros. Lembrou que as ramas da agricultura, gandaría, silvicultura e pesca se moven nuns parámetros similares e están lixeiramente por baixo da construción (un 6 % ou 7 %). Con todo, apostou polo papel chave de Galicia como rexión xeradora e transformadora da enerxía, xa que “o 75 % da enerxía producida en Galicia é de orixe renovable e exportamos entre o 30 % e o 40 % da electricidade”. Na súa opinión, debe optarse pola electrificación da economía e por seleccionar investimentos chaves e enfocados a actividades esenciais. Entre as súas propostas tamén destacou a creación dunha zona franca no norte galego para atraer a cadea de valor da enerxía ou a conservación e mellora da rede eléctrica da distribución (que apenas representa o 1,5 % do orzamento total da planificación estatal). Estas ideas coincidiron co parecer de Xavier Simón, docente da Universidade de Vigo, responsable do Observatorio Eólico de Galicia e membro do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais, quen afirmou que “o que está en xogo é elevado e as decisións son urxentes”. Insistiu en que a transición enerxética ten que ser verde pero sobre todo xusta e apuntou que “é necesario que territorialicemos a enerxía e tamén a economía”.

A importancia das comunidades: na busca dun modelo propio
A dimensión social achegouna Eru Louro, presidenta da Comunidade de Montes en Man Común de Antas-A Lama, que explicou como todo o proceso de tramitación do proxecto eólico do Monte Peón se fixo de costas aos veciños e en plena pandemia, ao tempo que cuantificou o baixo retorno que terá para a veciñanza ese parque eólico. Precisamente a falta de consideración cara ás comunidades locais foi unha das cuestións que se abordaron na última mesa deste xoves, dedicada a coñecer o aspecto sociocomunitario. Belén Rodríguez, secretaria executiva da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), fixo un repaso detallado da situación actual e falou do empoderamento das comunidades locais que toman conciencia da necesidade de protección do seu patrimonio, o que se traduce nas últimas mobilizacións e nas propostas achegadas por estas cara a un modelo alternativo. Francisco da Silva, da CIG e do Colectivo Bidán, puxera na tarde do mércores exemplos de mobilizacións en Asturias, A Rioxa, Aragón e Madrid para afondar na idea de que as protestas non son exclusivas de Galicia. Debullou os modelos enerxéticos para deixar constancia de que as enerxías que se implantan deixan beneficios nos territorios: leis que regulan unha participación mínima do 20 % da cidadanía ou prohibicións de instalacións en zonas vitivinícolas e paisaxes especiais, entre outras. “Cómpre parar e establecer que enerxía producimos, para que a producimos e con que beneficios”, apuntou Da Silva. Esta idea reforza a petición feita desde ADEGA, que insistiu na “necesidade dun novo plan sectorial eólico con fins socioambientais ao servizo do país”.

Pola súa parte, a investigadora Inés Santé considera que “as comunidades deben ser partícipes dos proxectos e tamén dos beneficios”. Destacou na súa intervención a importancia de que a ordenación e planificación do territorio garanta que a sociedade galega teña un retorno axeitado por parte das empresas que empregan os recursos naturais do país. Sustentou as súas achegas en diferentes documentos (entre eles, do Tribunal de Contas da Unión Europea e da OCDE) e citou algunhas fórmulas para garantir a aceptación social destes proxectos: instrumentos financeiros para que as pemes da zona poidan ser axentes activos, incremento das contratacións laborais no territorio, descontos nas facturas… Ademais, Inés Santé, que ata hai unhas semanas era a directora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), tamén lembrou que as enerxías renovables teñen un impacto menor pero ocupan un maior espazo, o que afecta inequivocamente á ordenación do territorio.

O xurista Carlos Amoedo falou do contraste entre a realidade e o que debería ser. Insistiu en que a posición da Administración “na compatibilización entre os valores ambientais e culturais e a necesidade enerxética é a mesma desde hai décadas”. Partiu do exemplo acontecido na vila medieval de Portomarín, anegada polo encoro de Belesar, para explicar que está estendida a idea de que “o desenvolvemento das enerxías renovables é un ben superior perante o cal o medio ambiente debe sacrificarse”. Afirmou que no caso eólico “seguimos cuns enfoques das avaliacións ambientais que non están á altura da importancia do valor ambiental ao fío da crise climática”. Segundo o seu criterio, non existe seguridade xurídica neste proceso e “simplificáronse os procedementos de tramitación ambiental, e tamén se emprega a Lei de acompañamento dos orzamentos para favorecer os intereses do lobby enerxético”, actuación que cualificou como greenwashing. Ademais, explicou que este proceso se acelerou por mor da guerra de Ucraína, que aumentou a demanda de enerxías renovables.