Análise sobre a actividade e o volume de negocio que xera o idioma galego no sector cultural
19/6/2024
O Observatorio da Cultura Galega, departamento do Consello da Cultura Galega que se ocupa do estudo e a análise estatística da realidade cultural en Galicia, presenta o seu novo informe A produción en lingua galega no ámbito cultural, no que se ofrece a porcentaxe aproximada da actividade e mais o volume de negocio que xera a produción de bens ou servizos realizados no noso idioma no sector da cultura, ao tempo que se achegan suxestións sobre as medidas que serían necesarias para incrementar a demanda de bens ou servizos en galego, fornecidas polos propios responsables das entidades culturais.
Con este novo traballo complétase a radiografía presentada nun informe anterior, O valor económico do galego, tamén elaborado polo CCG, no que se cuantifican, en termos de valor económico e emprego, as actividades asociadas á lingua galega.