O CiTIUS e o ILG presentan a “Carballo”, o primeiro modelo lingüístico de IA para o galego
19/6/2024
O CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes) e o ILG (Instituto da Lingua Galega), ambos os dous adscritos á Universidade de Santiago de Compostela, veñen de anunciar un novo fito para o idioma galego. Trátase da creación de Carballo, un modelo de linguaxe de gran escala e alta calidade en galego, que permitirá a creación de novas ferramentas e aplicacións de Intelixencia Artificial xerativa con tecnoloxía lingüística (como poden ser bots de charla, tradutores ou correctores automáticos).
Carballo nace ao abeiro do Proxecto Nós (impulsado pola Xunta de Galicia e a USC) e mais o Proxecto Ilenia (promovido polo Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública) e para o seu adestramento empregouse un corpus de arredor de 2.100 millóns de palabras.