NOTICIA

----

Arquitectos e restauradores do emblemático colexio monfortino da Nosa Señora da Antiga explican a rehabilitación nun encontro

O Colexio de Nosa Señora da Antiga (Monforte de Lemos) é unha das obras arquitectónicas máis destacadas do Renacemento galego e toda unha icona do patrimonio cultural de Monforte de Lemos. O Consello da Cultura Galega organiza o 25 de xuño un novo Encontro Monográfico co Patrimonio Cultural no que se analiza os procesos de restauración e recuperación patrimonial do inmoble que incluíu un innovador proxecto de Educación Patrimonial asociado á proposta de declaración do Colexio como Ben de Interese Cultural (BIC). O encontro Intervencións patrimoniais no Colexio de Nosa Señora da Antiga (Monforte de Lemos): Pasado, presente e futuro está coordinado pola arqueóloga Rebeca Blanco-Rotea e a especialista en Educación Patrimonial María del Mar Bóveda López.

O Colexio da Nosa Señora da Antiga, construído a finais do século XVI, é un dos poucos edificios en Galicia realizados en estilo herreriano. Desde hai séculos supón un motivo de admiración para os viaxeiros que se achegan a Monforte. Foi promovido polo cardeal Rodrigo de Castro, membro da familia Lemos e gran valedor da educación en Galicia, como colexio rexentado por xesuítas. Tras vicisitudes históricas, o edificio continúa a ser un colexio, rexentado desde finais do século XIX polos Padres Escolapios.

A xornada aborda a complexidade das obras de restauración da obra. Deste xeito, ás 16.15 Javier Agudo, xerente da Fundación Colexio Nosa Señora da Antiga, e Pablo Blanco, tamén do Colexio de Nosa Señora da Antiga achegarán o contexto histórico e a actualidade do edificio. A partir das 16.45 repasaranse as diferentes fases e partes do proxecto de restauración, a comezar coa conferencia do arquitecto Manuel Freire, director das obras de rehabilitación. Os restauradores Vania López, Juan M. Montero e Dolores Lago abordarán as limpezas e restauración de diversas partes da igrexa e Jesús Castillo explicará a nova iluminación do edificio dese o seu rol como arquitecto responsable do proxecto de iluminación.

A xornada rematará cun debate moderado polas coordinadoras do evento. Rebeca Blanco-Rotea, investigadora do Laboratório de Paisagens, Património e Território (Lab2PT) da Universidade do Minho, e M.ª del Mar Bóveda López, especialista en Educación Patrimonial (Caixal, Proxectos Culturais / GI-RODA, USC).