----

Bernardo Penabade, impulsor do Modelo Burela, despídese das aulas

"O educador eterniza-se em cada ser que educa". Así remata o vídeo-homenaxe que xeracións de alumnado lle dedicaron a Bernardo Penabade Rei na data da súa xubilación.

Persoa coñecida por unha traxectoria difícil de resumir, o mundo da normalización lingüística está en débeda con el por lanzar desde o IES Perdouro o Modelo Burela, así como o Proxecto Neo. Ambos os dous son tomados como referencia na colaboración entre o ámbito do Ensino e a Administración, pola planificación do diálogo intercultural na Mariña e o labor de recuperación da identidade lingüística da súa sociedade. Así o contou o Consello da Cultura Galega na web serie Aquí medra a lingua.

Na actualidade, é membro da Comisión Técnica do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia, desde onde participa na organización dos Encontros para a Normalización Lingüística.