NOTICIA

----

A institución expresa o seu fondo pesar polo pasamento de Santiago Rey Fernández-Latorre

O Consello da Cultura Galega (CCG) lamenta o pasamento do presidente e editor de La Voz de Galicia, figura determinante na prensa galega. Santiago Rey Fernández-Latorre (A Coruña, 1938-2024) era o sétimo presidente de La Voz de Galicia, xornal fundado polo seu avó, Juan Fernández Latorre, en 1882.

Á fronte de La Voz de Galicia fomentou a información local, impulsou a modernización tecnolóxica e apostou pola galeguización da cabeceira. Ademais, desenvolveu outros postos vencellados ao mundo da comunicación como o de presidente do Instituto Nacional de Prensa (1971), director de Antena 3 Galicia (1982-1992), presidente da Asociación de Editores de Diarios Españoles (1982-1986), director de Antena 3 TV (1990-1993) e de Antena 3 Radio (1992-1994), que foi o xerme da actual Radio Voz. Creou o instituto demoscópico Sondaxe, a produtora Voz Audiovisual e outras empresas destacadas no ecosistema comunicativo galego. Tamén refundou en 1975 a Biblioteca Gallega, creada polo seu avó e Andrés Martínez Salazar en 1885. O seu legado será preservado desde a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, constituída en 1997 con fins sociais e culturais.

Cofundador do premio Fernández Latorre, que leva 66 edicións, recibiu numerosos recoñecementos, nos que destaca a Gran Cruz del Mérito Civil, Hijo Predilecto da Coruña (2001), o premio Periodístico Diego Bernal e foi investido como doctor honoris en Economía e Empresa pola Universidade da Coruña.