NOTICIA

----

O especial Proxector regresa cunha escolma de vídeos didácticos sobre enfermidades cardiovasculares

Proxector, iniciativa de divulgación científica na nosa lingua que desenvolve o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG), en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC), súmase ao Día Mundial do Corazón, que se celebra o 29 de setembro, co especial “Escoita o corazón”. Os doce recursos que escolma cada entrega deste proxecto dan voz nesta ocasión a especialistas en cardioloxía, dermatoloxía, intelixencia artificial e fisioterapia para achegar información sobre as características, problemas e formas de protexer o corazón.

O corazón é un dos órganos do ser humano con menor capacidade de rexeneración. O 80% dos falecementos prematuros por enfermidades cardiovasculares (ECV) pode previrse con pequenos cambios no noso estilo de vida: alimentación, exercicio, control do estrés... Precisamente sobre isto fala un dos vídeos elaborado en 2022 polo Servizo de Cardioloxía do Hospital Universitario de Ourense (CHUO) que transmite unha serie de consellos orientados a un envellecemento cunha boa saúde cardiovascular. Noutro dos vídeos escolmados, Xosé Antón Vila Sobrino, docente na Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo e investigador no Laboratorio de Intelixencia Artificial Aplicada (LIA2), fala da aplicación da IA na análise de datos cardíacos. Tamén se inclúe un audiovisual do Colexio de Fisioterapeutas de Galicia que explica en que consisten os programas de rehabilitación cardíaca e cal é o papel concreto do/a fisioterapeuta nestes programas.

Esta entrega inclúe, ademais de varios vídeos TED, un do laboratorio Aberto da Domus, o museo coruñés sobre o ser humano, no que se disecciona un corazón de porco, o máis semellante ao humano. Completa esta entrega divulgativa, un vídeo sobre como é a operación de transplante deste órgano e outro sobre a influencia do sol no corazón,

O proxecto
Proxector: audiovisuais en galego para a docencia é un espazo web dedicado a recompilar, clasificar e difundir recursos audiovisuais que sirvan de apoio á docencia en lingua galega de diversas materias de bacharelato e de ensino universitario.

O proxecto orixinal foi deseñado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e botou a andar no ano 2015 no portal educativo Didactalia. En 2018 o CCG, a través do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG), sumouse á iniciativa e comezou a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos. Cumprindo coas competencias que lle son propias no eido da preservación e difusión do idioma galego, o CCG acordou asumir tamén a custodia dos datos recompilados ao longo destes anos, que agora están ao dispor da cidadanía no sitio web institucional.

Os vídeos están clasificados segundo a súa temática, o idioma no que foron gravados ou subtitulados e o nivel de ensino no que se considera que poden ser empregados. A maiores, ofrécese unha ficha descritiva coa información básica de cada recurso. Pódese acceder aos contidos a través da busca libre ou dos diferentes despregables, que permiten filtrar os resultados segundo os criterios de clasificación antes citados. Neste mes incorporou o deporte como nova área temática.