----

O sector cultural conversa con Judit Carrera, politóloga, xestora e directora do CCB

Judit Carrera Escudé (Barcelona, 1974) dirixe desde 2018 o Centre de Cultura Contemporània de Barcelona (CCCB). É politóloga de formación e ten unha ampla carreira como xestora e promotora cultural no ámbito da cultura e das relacións internacionais. Estivo na tarde deste mércores no Consello da Cultura Galega (CCG), nun encontro dirixido a profesionais da xestión cultural, do sector audiovisual, das artes escénicas, responsables de museos e de centros de arte, entre outros axentes culturais. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, estivo presente nesta cita coordinada por Paula Cabaleiro, membro do Pleno da institución.

Durante tres horas conversaron sobre as liñas de acción e liñas estratéxicas do Centre de Cultura Contemporània de Barcelona, exemplo de vertebración no tecido cultural da capital catalá ao tempo que mantén redes de acción a nivel internacional. Un dos temas que máis interese suscitou foi o da financiación das súas coproducións, así como as fórmulas existentes para establecer vías de colaboración entre entidades públicas e privadas.

Situouse o debate no dereito á cultura, entendida como epicentro da acción cultural, a necesidade de crear lugares de encontro, e a importancia que teñen os museos na axuda á construción dunha cidadanía consciente e critica.

Ao longo da conversa abordáronse diferentes iniciativas desenvolvidas desde o CCCB, algunhas delas como o programa educativo ALIA ou Proyecto Escuela en Residencia para abordar a importancia da educación, participación e a investigación no ámbito cultural. Fíxose unha mención concreta á liña de traballo da institución en poñer sobre a mesa todo un programa de acción encamiñada a reflexionar sobre o impacto das novas tecnoloxías na sociedade.

Carrera tamén abordou unha das apostas máis recoñecidas do CCCB nos últimos anos: a posta en marcha de proxectos no ámbito feminista que procura a recuperación de relatos velados ao longo da historia, a igualdade de xénero desde propostas artísticas participativas encamiñados a cuestionar os discursos hexemónicos establecidos.