----

Presentado en Cambados o Manual básico para afrontar as violencias machistas

A directora do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF), Carme Adán, estivo na tarde deste venres na Casa da Calzada de Cambados (19:00 horas) para presentar o Manual básico para afrontar as violencias machistas: recoñecer. Actuar e Restaurar”. Unha guía útil que informa de xeito visual e doado de todos os recursos cos que pode contar unha muller que se atope nunha situación de violencia machista.

O manual está dirixido a todas as mulleres e mozas, mais tamén ás profesionais que todos os días traballan na prevención ou erradicación da violencia. O documento foi elaborado por unha comisión coordinada por Carme Adán e na que participaron Victoria Rey Mariño, Belén Puñal Rama e Cristina Martínez Fernández.

un documento de carácter práctico
manual está dividido en tres apartados fundamentais. O primeiro deles está dedicado a recoñecer os distintos modos de violencia. Preséntase “a modo de checklist para poder identificar as diferentes formas de violencias”, explicou Carme Adán, quen subliñou tamén que aínda segue a ser moi necesario identificar os delitos que recoñece o Código Penal (agresión sexual, violación, acoso sexual, ciberacoso sexual, exhibicionismo, provocación sexual, comentarios sexistas ou vexatorios mais a prostitución e explotación sexual).

O segundo apartado está centrado en explicar como proceder no caso de que se sexa vítima de violencia de xénero ou sexual. Nel explícanse os percorridos xurídicos, como é o proceso xudicial, como vai ser a declaración e como protexerse tras a denuncia co obxectivo de orientar as mulleres e mozas que dean o paso de presentar unha denuncia. O documento axuda tamén a combater mitos e lembra que só o 0,01 % das denuncia de violencia de xénero en 2022 foron falsas.

O terceiro apartado presenta unha compilación dos espazos cos que pode contar a día de hoxe en Galicia unha persoa que sofre violencia de xénero ou sexual: desde os oitenta Centros de Información á Muller (CIM) espallados por toda Galicia ata a Rede Galega de Acollemento ou o Centro de Emerxencia para Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero, entre moitos outros. É unha listaxe de recursos aos que acudir.