NOTICIA

----

Un recital en homenaxe a Luísa Villalta

O Consello da Cultura Galega (CCG) celebra na tarde deste mércores 18 de setembro (18:30 horas) o recital “Entender para vivir”, no que unha ducia de creadores e creadoras ofrecerán un diálogo polifónico que combina xornalismo, narrativa, ensaio, teatro ou poesía para nos achegar á obra Luisa Villalta, homenaxeada este ano co Día das Letras Galegas. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, abrirá este acto que no que participan Chus Pato, Xosé María Álvarez Cáccamo ou Francisco Fernández Naval, entre outros, e que parte dun libro homónonimo coordinado por Dolores Vilavedra. O acto é presencial pero pode seguirse en directo desde o web do CCG.

O recital “Entender para vivir” parte da publicación homónima que editou o CCG no pasado mes de maio, no marco da celebración do Día das Letras Galegas. Das 16 creacións (quince literarias e unha plástica) que aparecen no libro, 12 forman parte deste recital, no que participarán Xosé María Álvarez Cáccamo, Estíbaliz Espinosa, Eduardo Estévez, Francisco Fernández Naval, Míriam Ferradáns, Chus Pato, Henrique Rabuñal, Román Raña, Marga Romero, Cesáreo Sánchez Iglesias, Xurxo Souto e Miro Villar. Trala apertura a cargo da presidenta do CCG tomará a palabra a coordinadora do volume Dolores Vilavedra. Após a súa intervención terá lugar o recitado dos textos, que rematará coa proxección dun audiovisual de creación que foi realizado expresamente para a ocasión por encarga da institución á produtora Trece Amarillo.

Entender para vivir
A publicación naceu como un espazo para o diálogo entre a obra de Luísa e un monllo selecto de persoas que, sendo referentes no sistema cultural galego, mantiveron en vida vínculos coa autora e a súa obra. Unha obra coordinada por Dolores Vilavedra que pretendía amosar a natureza intrinsecamente dinámica e expansiva dun corpus precursor e versátil como o de Luisa Villalta. Forman parte deste volume Xosé María Álvarez Cáccamo, Vicente Araguas, Estíbaliz Espinosa, Eduardo Estévez, Francisco X. Fernández Naval, Miriam Ferradáns, Pilar Pallarés, Chus Pato, Henrique Rabuñal, Román Raña, Cesáreo Sánchez Iglesias, Xurxo Souto, Marga Do Val, Eva Veiga e Miro Villar. Cada un deles partiu dun texto da obra de Villalta para crear outra peza que constitúe un diálogo polifónico co seu legado.

A obra toma o nome da pregunta hamletiana, “Entender ou vivir?”, que Luísa Villalta lanzou na súa obra Ruído e que nos serviu para darlle título a esta publicación.

Seguindo a estrutura do libro, Vicente Araguas e Miriam Ferradáns partiron de diferentes poemas de Papagaio, obra póstuma de Luísa Villalta sobre a derruba do barrio da prostitución da súa Cidade Alta que escribiu para as fotos de Maribel Longueira.

O primeiro poemario de Villalta, que editou Ediciós do Castro en 1991, Música reservada, convocou a Chus Pato, Román Raña, Cesáreo Sánchez Iglesias, Marga do Val, Estíbaliz Espinosa e Eduardo Estévez. No caso de Espinosa, a súa peza vai acompañada dun poema de Ruído, obra coa que tamén dialogaron Pilar Pallarés e Eva Veiga. A proposta de Eduardo Estévez partiu tamén do texto O estudo das sombras. Sobre Siléncio, ensaiamos construíron as súas pezas Francisco X. Fernández Naval e Xurxo Souto, quen incorporou a imaxe da dedicatoria que lle fixo a propia Villalta. A obra En concreto serviu a Xosé María Álvarez Cáccamo para o seu traballo, e Henrique Rabuñal inspirouse no texto que Luísa escribiu no primeiro número de CasaHamlet. Revista de Teatro, “As certezas de Ofelia”. Ademais dos quince textos hai tamén unha peza de creación artística. Trátase de Irmá Luísa, Muller Faro de longa ollada, que foi bordada á man por Ana Pillado sobre unha tea antiga gardada pola familia, sobre a que Ana realizou un acrílico. A imaxe de Ana Pillado é tamén a identidade visual do CCG en todas as actividades arredor de Luísa Villalta.