----

O Consello de Europa detecta eivas na garantía dos dereitos lingüísticos no ensino, a sanidade, a xustiza e a Administración do Estado

O Consello de Europa publica o sexto Informe de seguimento do cumprimento da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias, avaliación periódica que elabora o Comité de Expertos para analizar o grao de cumprimento dos compromisos que o Estado español asumiu ao ratificar este tratado internacional.

No que respecta ao galego en Galicia, o Comité de Expertos recomenda que con carácter inmediato se tomen as seguintes medidas: eliminar as limitacións para que o galego se empregue como lingua vehicular no ensino de materias científicas; garantir o uso do galego nos centros sociosanitarios; garantir o dereito dos galegofalantes a relacionarse no seu idioma coa Administración do Estado en Galicia; e garantir que os tribunais desenvolvan os procedementos xudiciais en galego cando o solicita unha das partes.

Ademais destas recomendacións máis urxentes, o Comité de Expertos volve recomendar que con carácter xeral se garanta o ensino en galego en todos os niveis educativos (poñendo especial énfase na etapa da educación infantil e no ámbito urbano); que se desenvolvan materiais didácticos para as materias técnicas, a formación profesional e o ensino a distancia; que se ofrezan datos desagregados sobre o número de procedementos xudiciais que se desenvolven en galego; que se desenvolva o software necesario que permita o uso de formularios e modelos de documentos en galego na Administración de Xustiza; que se poñan ao dispor da cidadanía modelos de documentos en galego para relacionarse coa Administración do Estado; que se restableza a versión en galego do BOE e que se ofrezan datos sobre os dereitos dos consumidores en Galicia.

Con respecto ao galego exterior, recoméndase con urxencia dar pasos para o recoñecemento do “galego-asturiano” no Estatuto de Autonomía de Asturias, fomentar a cooperación entre as comunidades autónomas de Asturias e Galicia, establecer mecanismos para asesorar as autoridades en todas as materiais relacionadas co galego en Castela e León; e promover o ensino da “fala” en Estremadura.

Se queres consultar os informes de seguimento de períodos anteriores (así como os correspondentes informes estatais), preme aquí.