NOTICIA

----

A biografía do poeta e tradutor guitiricense Díaz Castro súmase ao Álbum de Galicia

Xosé María Díaz Castro (Os Vilares, Guitiriz, 1914 – Lugo, 1990) foi un poeta e tradutor autor, entre outras obras en galego, de Nimbos (1961) e Nascida d’un soño (1947). Este persoeiro foi tamén tradutor ao castelán de autores como Rimbaud, Chesterton, Eliot, Whitman e Schiller. Cando se cumpren 34 anos do seu pasamento, a súa entrada incorpórase ao Álbum de Galicia, colección de biografías de figuras destacadas de Galicia promovido polo Consello da Cultura Galega (CCG). O autor do seu texto biográfico é o crítico literario e investigador Armando Requeixo.

O escritor guitiricense, destaca Armando Requeixo na entrada, “foi un importante poeta en lingua galega, mais tamén escribiu versos en castelán, ocasionais textos narrativos, artigos e colaboracións xornalísticas e un importante número de traducións e algúns poemas en idiomas que non foron nin o galego nin o castelán”. Díaz Castro cultivou, entre outras, temáticas como a inquedanza do ser; a relación ser humano coa natureza, coa súa contorna e tamén a súa relación co seu lugar de nacemento, nas terras da provincia de Lugo.

O poeta escribiu algo máis de douscentos poemas entre os anos 1931 e 1990, entre os que destaca o libro Nimbos (1961), co seu poema “Penélope”, reeditado en 1989; previamente aparecera a composición Nascida d’un sono (1947), unha compilación de versos en galego que foi gañadora, xunto a outros en castelán, dos Xogos Florais de Betanzos de 1946. Dentro da súa obra poética en castelán, o autor guitiricense escribiu para varias cabeceiras dos anos 1930, na preguerra, como Lluvia de Rosas, El Progreso Villalbés, Mundo de Ahora, Vida Gallega e Vallibria. Na posguerra proseguiu a súa creación en medios como La Estafeta Literaria, Pregón, Cartel, Sonata Gallega, La Noche e Alba, ademais de varios escritos tamén en castelán compilados na colección Sombras radiantes y otros poemas, antoloxía saída do prelo en 2014.

Díaz Castro, tradutor
Na entrada tamén aparece a faceta de Díaz Castro no seu eido laboral. Primeiro, coa docencia en Vilagarcía, no colexio León XIII, convidado polo seu director, o tamén escritor Aquilino Iglesia Alvariño. Logo combinaría a docencia en varias academias de estudo medio coa tradución ao castelán dentro do eido da investigación. Despois de aprobar unhas oposicións traballou para institucións como o Ministerio da Gobernación, en Madrid, o Instituto de Cultura Hispánica e, ata a súa xubilación, no Centro del Frío, dependente do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC).
Díaz Castro foi, ademais, tradutor ao castelán varias obras de tradicións poéticas estranxeiras, como é o caso das traducións de Rimbaud, Chesterton, Eliot, Whitman ou Schiller. O guitiricense traduciou ao longo da súa vida textos en francés, inglés, alemán, italiano, portugués, holandés e linguas escandinavas.
Na súa vida persoal, o Álbum tamén recolle fitos como o seu casamento en 1954 con María Teresa Zubizarreta Bengoetxea, coa que tivo tres fillos. No eido das amizades destacan os seus vencellos con outros autores da tradición literaria galega, como son o caso de Manuel María, Ramón Piñeiro, ex-presidente do CCG, ou o poeta Claudio Rodríguez Fer. Armando Requeixo, destaca, neste sentido, que o poeta “recibiu o aplauso de voces como Xosé María Álvarez Blázquez, Vicente Risco, Ricardo Carballo Calero, Ramón Lugrís, Ánxel Fole ou Ramón Otero Pedrayo”.

Álbum de Galicia
O Álbum de Galicia é unha iniciativa do CCG que ten como obxectivo reunir nun mesmo sitio web, accesible para todo aquel que o desexe, as vidas, obras, recursos, material dixitalizado do propio CCG e bibliografía sobre figuras destacadas da historia de Galicia. Así, o Consello procura dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que dalgunha maneira contribuíron de xeito notable á sociedade galega ao longo da súa Historia e que poden ser aínda descoñecidos para o grande público. Dentro das últimas entradas, os usuarios poderán atopar, xunto ao perfil de Díaz Castro, os do fotógrafo Joaquín Pintos, o autor Daniel Cortezón, o compositor José Torres Creo e a crítica, escritora e xornalista Concha Castroviejo, algúns dos nomes de recente subida ao Álbum de Galicia.