O IGE constata que o descenso de galegofalantes se acentúa e que o castelán é xa a lingua maioritaria en Galicia
11/10/2024
O Instituto Galego de Estatística (IGE) presenta os datos sobre coñecemento e uso do galego extraídos da Enquisa estrutural a fogares de 2023. No que respecta aos principais datos sobre usos lingüísticos, constátase un importante descenso dos monolingües en galego, cunha baixada de 6,2 puntos porcentuais con respecto a 2018, que non se compensa co ínfimo incremento dos bilingües que afirman falar máis galego ca castelán (só suben 0,14 puntos). O incremento máis salientable nestes últimos 5 anos foi realmente o das persoas monolingües en castelán, que suben 5,26 puntos porcentuais con respecto a 2018. De feito, segundo estes últimos datos que hoxe presenta o IGE, o castelán sería xa a lingua de uso maioritario en Galicia, pois as persoas que afirman falar sempre en castelán ou máis en castelán ca en galego suman o 52,94% da poboación.
Indo ás cifras concretas, o 24,37% da poboación de Galicia afirma falar sempre en galego (6,2 puntos menos ca en 2018), un 21,86% afirma falar máis galego que castelán (0,14 puntos máis ca en 2018), un 24,11% falar máis castelán que galego (0,79 puntos máis ca en 2018) e un 29,66% afirma falar sempre en castelán (5,26 puntos máis ca en 2018). Mantéñense tamén as grandes desigualdades segundo a franxa de idade da poboación, resultando especialmente graves os datos da franxa de entre 5 e 14 anos, onde só o 16,19% fala “só galego” ou “máis galego que castelán”. Neste grupo concreto, a caída de galegofalantes foi de case 10 puntos no último lustro.