A astronomía será o eixo temático do XV Día da Ciencia en Galego
24/10/2024
A Institución Galega da Ciencia (Igaciencia) promove un ano máis a celebración do Día da Ciencia en Galego cun programa de actividades dirixidas principalmente ao ámbito educativo que se desenvolverán ao longo do vindeiro mes de novembro. Nesta décimo quinta edición o eixo temático será a astronomía e renderáselles homenaxe ao astrónomo, filósofo e físico italiano Galileo Galilei e mais ao matemático e astrónomo galego Enrique Vidal Abascal.
No marco desta conmemoración Igaciencia organizará, coa colaboración da Xunta de Galicia, unha serie de conferencias didácticas dirixidas aos centros de ensino, especialmente aos de secundaria. Os relatores/as que participarán nesta edición son José Ángel Docobo, Augusto Pérez Alberti, Begoña Vila e Ana Ulla. O prazo de inscrición para asistir en liña remata unha semana antes da emisión de cada conferencia. Na páxina web de Igaciencia podes acceder ao formulario de inscrición.