O Concello de Ames convoca o VII Premio Lingua e Empresa
28/10/2024
O Servizo de Normalización Lingüística e a concellaría de Promoción Económica do Concello de Ames promoven a sétima edición do Premio Lingua e Empresa, que ten como obxectivo fomentar o uso do galego na actividade económica municipal e recoñecer publicamente o compromiso das empresas que apostan decididamente polo noso idioma. Poden optar a este premio as empresas que teñan a súa sede social ou un centro de actividade no Concello de Ames. O certame inclúe dúas categorías: unha para aquelas entidades que veñen realizando un uso continuado da lingua galega desde hai máis de dous anos, e outra para as que incorporaron o galego nos últimos dous anos. Outorgarase un premio de 1.500 euros en cada unha das categorías.
O prazo de presentación de candidaturas remata o 21 de novembro de 2024.