----

Cara a un novo sistema de avaliación lingüística no ensino de adultos

A Xunta de Galicia está a traballar para homoxeneizar o sistema de acreditación lingüística do ensino non regrado de adultos cos diferentes niveis que establece o Marco común europeo de referencia, elaborado polo Consello de Europa.

O pasado xoves, 10 de novembro, a Association of Language Testers in Europe (ALTE) admitiu a Xunta de Galicia como membro de pleno dereito desta asociación e aprobou a primeira proposta de modelo de exame de lingua galega para o nivel A2, elaborada por un grupo de traballo do Centro Ramón Piñeiro.

A partir de agora seguirase a traballar na elaboración das probas para os niveis B1, B2 e C1, que substituirán o actual sistema de cursos de iniciación e perfeccionamento e garantirán o recoñecemento internacional da certificación do coñecemento de lingua galega.