----

Presentada unha obra sobre “El viejo Pancho”, poeta nado en Ribadeo

O Consello da Cultura Galega (CCG) acolleu esta mañá a presentación dunha obra que explora a figura e o legado de José María Alonso de Trelles e Jarén, "El viejo Pancho", cando se cumpre o centenario do seu pasamento. A obra El viejo Pancho Pancho, de Ribadeo a El Tala pasando por Navia, coordinada por Pablo Rodríguez "Vivín", rende homenaxe a este poeta nado en Ribadeo que foi unha destacada figura en Uruguai. Dolores Vilavedra, vicepresidenta do CCG; Daniel Vega Pérez, alcalde de Ribadeo; Lourenzo Fernández Prieto e Pilar Cagiao Vila, profesores da Universidade de Santiago de Compostela; máis o editor, Antonio Andina, destacaron na presentación a importancia de tender pontes e a relevancia da súa figura.
Presentada unha obra sobre “El viejo Pancho”, poeta nado en Ribadeo

"El viejo Pancho é considerado o poeta nacional de Uruguai xa que, malia ter nacido en Ribadeo, emigrou alí con 17 anos", explica o coordinador da obra, Pablo Rodríguez Vivín. En Uruguai, Alonso de Trelles consolidouse como unha figura pública, chegando a ser contable na empresa do seu sogro e mesmo deputado. A súa prolífica obra e o seu importante legado fixeron del un dos referentes culturais máis recoñecidos do país. Este libro conta coa colaboración de diversas institucións e personalidades tanto de España coma de Uruguai, ademais de incluír numerosas críticas literarias realizadas sobre o poeta ao longo destes cen anos. Segundo destaca o coordinador, a obra tamén “saca á luz aspectos inéditos sobre a vida e obra de Alonso de Trelles”.

Pablo Rodríguez revelou que o seu interese por homenaxear a Trelles naceu cando, en 2007, Paco Trelles, o último neto vivo do poeta, lle entregou todo o seu legado. “Sentinme comprometido coa familia para honrar a figura do autor”, asegura Rodríguez, quen destaca a importancia de dar a coñecer a historia dun poeta tan influente na cultura uruguaia. O acto de presentación serviu tamén para poñer de manifesto a relevancia histórica e cultural de "O Vello Pancho" tanto en Galicia como en Uruguai.