----

Homenaxe en Vigo a Zulueta de Haz, presidente da institución de 2002 a 2006

O salón de actos da Casa Galega da Cultura de Vigo, sede da Fundación Penzol, acolle este mércores (19:00 horas) a presentación da publicación de homenaxe a Alfonso Zulueta de Haz (Vigo 1924-2017) con motivo do centenario do seu nacemento. Na homenaxe intervirán a presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez; o presidente do Padroado da Fundación Penzol, Manuel Puga; o presidente da Sociedade de Estudos Publicacións e Traballos (SEPT), Silvestre Gómez Xurxo; e o presidente do Consello de Administración de Editorial Galaxia, Antón Vidal Andión.

No acto presentarase o libro Alfonso Zulueta. Unha humanidade vivida, coeditado por Editorial Galaxia, Editorial SEPT e a Fundación Penzol, que recolle os testemuños de persoas que o acompañaron por distintas etapas dunha vida marcada polas preocupacións políticas, sociais e culturais, eidos en que desenvolveu unha intensa actividade.

Persoa de fondas conviccións e compromisos, Zulueta foi o cuarto presidente do Consello da Cultura Galega (entre os anos 2002 e 2006). Foi unha persoa moi activa en numerosas entidades de tipo social e cultural, desde o Cineclub e o Ateneo de Pontevedra ata a creación, xunto coa súa dona, María Teresa Fernández Cabaleiro, da Asociación Juan XXIII para a atención de discapacitados intelectuais e a Fundación Sálvora, de asesoramento das súas familias. Foi tamén presidente do Partido Galego Socialdemócrata (PGSD), do Consello Social da Universidade de Vigo, da Editorial SEPT e da Fundación Penzol e vicepresidente de Editorial Galaxia.