O fondo Fonoteca Escolas Proval está composto por 320 rexistros, dos que 211 son traballos escritos e 233 rexistros sonoros no que participaron preto de 500 estudantes e outros tantos informantes. Destaca pola variada, numerosa e singular colección de temas reunidos relacionados cos usos e costumes populares e dos moitos xéneros propios da literatura e da música de tradición oral rexistrados: lendas, refráns, adiviñas, romances, arrolos, bailables… As abundantes e interesantes testemuñas sobre a vida cotiá neste territorio durante o século XX. A memoria histórica rexistrada, en especial de gran valor no relacionado co golpe de estado de xullo de 1936 a represión posterior. É tamén de especial valor a orixe dos recursos, rexistrados nas parroquias dos concellos de Nigrán, Baiona e Gondomar, e tamén das parroquias de Vigo, Santa María de Oia, Tomiño, A Guarda, Salceda de Caselas… e mesmo de máis lonxe, como Ponte Caldelas, Ourense ou Lugo.
O traballo foi posto en marcha por María Xosé Gonzalez Chamorro, alma máter deste proxecto, xunto co seu compañeiro de departamento, Bieito Legaspi. Aquel traballo que comezou no curso 1989-1990, tivo unha década despois un novo pulo, ao organizarse un Seminario Permanente para estudar estes materiais, pero que quedou sen rematar polo falecemento de María Xosé González Chamorro. No curso 2023-24, a profesora de Xeografía e Historia, Tereixa Otero Dacosta, -hoxe no IES Santa Irene de Vigo–, e o profesor de Música no IES Primeiro de Marzo de Baiona, Xavier Groba González, coa autorización do centro, realizaron a avaliación, inventario e reorganización deste arquivo sonoro que hoxe se depositou no Arquivo Sonoro de Galicia para a súa custodia e dixitalización.
No acto de entrega do material estiveron presentes, alén da directora do IES Escolas Proval, e os dous profesores encargados da reorganización do material, Tereixa Otero e Xavier Groba, Alba Dacuña González e Carlos Dacuña González, na súa condición de herdeiros de María Xosé González Chamorro; máis o director do Arquivo Sonoro de Galicia, Alejo Amoedo.