NOTICIA

----

Un acto cívico abre os actos de homenaxe a Castelao no seu 75 cabodano

“Castelao convócanos sempre e únenos a todos” afirmou Miguelanxo Seixas no nome da institución que preside, a Fundación Castelao, máis tamén do Consello da Cultura Galega (CCG) e do Museo do Pobo Galego impulsores da ofrenda floral que abriu esta mañá a conmemoración do Ano Castelao. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; a presidenta do Padroado do Museo do Pobo, Concha Losada; o presidente da deputación da Coruña, Valentín González Formoso; o conselleiro de Cultura, José López Campos; a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; e o presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices, participaron neste acto cívico que lembrou a figura do narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante, médico e político galego, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, cando se cumpren 75 anos do seu pasamento en Bos Aires.

A canción tradicional Fuches ti, con arranxos de Juan Durán, abriu o acto conducido pola poeta e padroa da Fundación Castelao, Noelia Gómez, no que se abordaron as diferentes facetas da figura de Castelao pero tamén da vixencia e a importancia do seu legado. “Temos que celebrar a Castelao porque é o home que nos fixo e nos fará sempre mellores” afirmou Miguelanxo Seixas na súa intervención. Unha faceta na que incidiu Valentín Gómez Formoso, presidente da Deputación da Coruña, quen lembrou que “a súa figura é contemporánea e universal e convoca e une a todos os galegos e as galegas”. José López Campos, conselleiro de Cultura, destacou na súa intervención o seu papel no autogoberno de Galicia e dixo que “é un símbolo indiscutible da Galicia demócrata”. Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago, lembrou que “Castelao foi médico por amor á humanidade e fixo que Santiago fose unha cidade de fonda raigame nacionalista” ao tempo que incidiu que non é só un “exercicio de recoñecemento do pasado senón tamén para o futuro”.

Dúas persoas, en representación da Asociación do Traxe Galega, foron as encargadas de portar un ramo composto por doce rosas brancas, unha por cada mes deste Ano Castelao, que depositaron no sartego a presidenta do CCG, Rosario Álvarez; a presidenta do padroado do Museo do Pobo, Concha Losada, a o presidente da Fundación Castelao, Miguelanxo Seixas, xunto co resto de autoridades participantes.

A homenaxe contou coa música da soprano Beatriz Riobó Agulla, a frauta de Fernando Raña Barreiro e a arpa de Alba Barreiro Mariño. Ademais da peza de apertura, interpretaron a icónica canción Lela, parte da obra de Castelao “Os vellos non deben de namorarse”; a Foliada de Negreira, unha das pezas preferidas de Castelao e o Himno Galego, que serviu de peche do acto.

Á celebración asistiron representantes de moitas institucións e entidades galegas e sociedade civil. Aos asistentes entregóuselles un Agasallo de Bonaval da Fundación Castelao, consistente nun díptico que reproduce un debuxo de Castelao titulado “Cousas da Vida”, publicado en Galicia, diario de Vigo, o 27 de marzo de 1924. O díptico contén tamén a receita da sopa “Cousas de vida”, unha homenaxe da cociñeira Lucía Freitas a Castelao, que os asistentes puideron probar nunha cunca deseñada por Susana Anta.