----

Cantareiras, a palabra que define o ano 2024 e anticipa o 2025

O Portal das Palabras, proxecto promovido pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié, fixo público que “cantareira” foi o termo escollido por votación popular como Palabra do Ano 2024.

Con esta escolla constátase a expectación e ilusión con que foi acollida pola sociedade galega a decisión da RAG, tomada o pasado xullo de 2024, de dedicar o Día das Letras Galegas 2025 á poesía popular oral e ás cantareiras galegas. En representación de todas elas, homenaxearanse as figuras de Adolfina e Rosa Casás Rama (Cerceda); Eva Castiñeira (Muxía); e Prudencia e Asunción Garrido Ameijende e mais Manuela Lema Villar, as tres Pandeireteiras de Mens (Malpica de Bergantiños). No sitio web da RAG xa podes consultar o espazo dedicado a esta conmemoración.