Bota a andar a terceira edición do programa “Modo galego, actívao!”
17/1/2025
A Real Academia Galega e o Concello de Ames presentaron a terceira edición do programa Modo galego, actívao!, un proxecto de investigación e acción deseñado para intervir nas actitudes e usos lingüísticos da comunidade educativa deste concello (alumnado, profesorado, familias e persoal dos servizos complementarios). Nesta ocasión, ademais dos centros de educación infantil e primaria que xa participaran en edicións anteriores, súmase o alumnado de 1º e 2º da ESO dos institutos do Milladoiro e Bertamiráns.
O programa desenvolverase ao longo dun mes, no que o alumnado realizará diferentes actividades lúdicas e didácticas e asumirá unha serie de compromisos lingüísticos, ao tempo que recibirá tamén diferentes recompensas acordes co seu nivel de implicación coa activación do idioma galego.