VIII Certame de música infantil e xuvenil “Quero cantar”
6/2/2025
A Deputación da Coruña publica as bases do VIII Concurso “Quero Cantar”, coa intención de fomentar o uso da lingua galega, así como a creatividade poética e musical entre a poboación infantil e xuvenil. O certame está dirixido a solistas ou grupos musicais, formados por rapaces e rapazas de ata 16 anos, que interpreten unha composición en galego con letra e música orixinais e inéditas. Establécense dúas categorías (infantil e xuvenil), segundo a idade dos participantes. Os tres primeiros clasificados de cada categoría terán a oportunidade de gravar a súa maqueta nun estudio profesional, e recibirán como agasallo material musical e/ou produtos culturais galegos. A maiores, os primeiros clasificados de cada categoría gravarán un videoclip da canción gañadora e o gañador/a da categoría xuvenil participará tamén nun programa formativo.
O prazo para a presentación de solicitudes remata o 14 de marzo de 2025, ás 14:00 h.
Podes consultar as bases completas do certame premendo aquí. No sitio web da iniciativa tamén podes coñecer os temas participantes nas edicións anteriores.