A Deputación da Coruña convoca o XVI Premio Rosalía de Castro da Lingua
6/2/2025
A Sección de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña convoca a décimo sexta edición do Premio Rosalía de Castro de Lingua, que ten como obxectivo recoñecer iniciativas de normalización lingüística ou traxectorias de persoas, colectivos e entidades que destaquen polo seu compromiso coa promoción e dignificación do idioma galego. Establécense tres categorías: unha para recoñecer o labor daquelas persoas que máis destaquen na promoción da lingua galega de calidade e cunha identidade propia e unhas características xenuínas para empregala en todos os estratos sociais; outra para a entidade que máis destaque na promoción do galego; e unha terceira para o proxecto de dinamización lingüística que estea dirixido especificamente aos sectores de menor idade (infancia e mocidade) e que atenda espazos emerxentes do uso da lingua. A dotación económica do premio é de 5.000 euros para cada unha das categorías.
O prazo de presentación de candidaturas rematará ás 14:00 h do 30 de abril de 2025.
Para consultar o texto coas bases completas deste premio, preme aquí.