----

AMEGA presenta unha guía didáctica sobre a historia dos medios en galego

No marco das actividades de conmemoración do Día dos Medios en Galego 2025, a Asociación de Medios en Galego (AMEGA) puxo a dispor de todas as persoas interesadas, para a súa descarga de balde en Internet, a guía didáctica Coñecendo a historia dos medios en galego, un recurso educativo dirixido a alumnado de ensino medio. A publicación foi elaborada por Mazarelos Sociedade Cooperativa Galega e conta coa colaboración da Deputación da Coruña.

Diferentes centros educativos, como o IES Punta Candieira (Cedeira), o IES de Cacheiras (Teo) ou o CPI Virxe da Cela (Monfero), empregarán este material como ferramenta didáctica para que o seu alumnado coñeza a historia dos medios de comunicación en lingua galega e reflexione sobre a situación actual do noso idioma no ámbito xornalístico e audiovisual.