O EDLG do IES Félix Muriel elabora un calendario escolar en homenaxe a Castelao
18/2/2025
O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Félix Muriel de Rianxo difunde na Rede un calendario escolar do ano 2025 elaborado en homenaxe a Castelao, neste ano no que se conmemora o 75 cabodano do pasamento deste rianxeiro universal. O almanaque, realizado por alumnado de 4º da ESO, inclúe na páxina de cada mes a coñecida autocaricatura de Castelao datada en 1914, que custodia o Museo de Pontevedra, acompañada de cadanseu extracto do Sempre en Galiza.
A iniciativa enmárcase no grupo de actividades autónomas que o alumnado debe desenvolver na materia de Lingua Galega e Literatura para promover a autonomía persoal colaborando co Equipo de Dinamización da Lingua Galega do instituto.