----

Comeza o foro “Un país coa súa lingua” cun debate sobre a educación e a socialización

O vindeiro 27 de febreiro de 2025, a partir das 16:00 h, terá lugar na sede do Consello do Cultura Galega, en Santiago de Compostela, a mesa de debate “Educación e socialización”, coa que o CCG inaugura o foro participativo Un país coa súa lingua. Este primeiro encontro, coordinado por Nel Vidal e Dolores Vilavedra, ten como obxectivo reflexionar sobre “o papel do ensino para adquirir a competencia e favorecer o uso da lingua galega na infancia e na adolescencia, en relación con outras dinámicas e espazos para a socialización na lingua propia de Galicia”.

Xa está accesible en liña o formulario de inscrición para asistir presencialmente a este primeiro debate. A maiores, o CCG habilitou un formulario en liña que estará aberto durante todo o proceso para a recepción de propostas relacionadas con calquera das áreas de análise, e no outono organizarase un foro final aberto a toda a cidadanía, no que se presentarán as conclusións iniciais e se debaterán co público asistente.

O foro Un país coa súa lingua é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega que ten como obxectivo fomentar un diálogo aberto e plural sobre o futuro do galego. O proxecto, de carácter propositivo, estrutúrase arredor de sete mesas de traballo nas que se debaterá sobre o futuro da lingua e se proporán accións normalizadoras en ámbitos como a educación, a administración, a economía, os medios, a cultura e a sociedade.

Na páxina web do CCG podes ampliar información e acceder ao formulario de inscrición.