----

Os concellos de Carballo, Ferrol, Pontevedra e Santiago organizan novas actividades para o Apego

Co gallo da conmemoración do Día Internacional da Muller, a igualdade entre homes e mulleres será o eixo temático das actividades do espazo Apego que organiza o Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago durante o vindeiro mes de marzo, sen esquecer tampouco os contidos relacionados co Entroido.

Pola súa parte, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ferrol proponlles aos máis cativos/as da casa e ás súas familias un programa lúdico para rematar o inverno con tardes cheas de música, cantigas, contos e apego pola lingua.

Os nenos e nenas de Carballo tamén poderán gozar durante o primeiro semestre de 2025 dunha programación chea de música, contos, teatro, xogos, andainas e obradoiros didácticos en galego organizados polo SNL municipal, no marco do proxecto Apego.

E no que respecta ao Concello de Pontevedra, o seu Servizo de Normalización Lingüística deseñou a serie de carácter lúdico e didáctico Un pobo con historia de seu, que se desenvolverá entre os meses de marzo e xuño de 2025 en diferentes parroquias e localizacións do concello. Trátase de actividades de hora e media de duración, dirixidas a familias con nenos/as de máis de 3 anos, que constan dunha pequena explicación didáctica sobre unha determinada etapa histórica, un obradoiro creativo no que se confeccionará un obxecto relacionado coa etapa que se traballe, un contacontos e un obradoiro de debuxo guiado.