----

Volve a revista LongaLingua en formato dixital

A Mesa pola Normalización Lingüística e a Fundación Vía Galego retoman a edición de LongaLingua, unha publicación que estivo aberta en formato papel entre os anos 2006 e 2010 e que agora volve en formato dixital e podcast, dirixida pola xornalista Eva Fernández Prieto.

A revista contará con análises sobre a situación da lingua galega en diferentes ámbitos realizadas por persoas expertas, e os artigos completaranse cunha serie de videopodcast que estarán dispoñíbeis en diferentes plataformas como Spotify e Youtube. A profesora da Universidade da Coruña María Pilar García Negro será a encargada de inaugurar a serie de análises, cunha achega que se publicará este mesmo venres, 7 de marzo de 2025.