----

Musical en galego para conmemorar o Día Mundial da Auga en Noia

O domingo 23 de marzo de 2025, ás 20 horas, terá lugar no Coliseo Noela (Noia) o musical en galego “Odisea a través do tempo”. A obra, que trata a problemática da auga ao longo do tempo, foi deseñada no marco dos proxectos didácticos “eCO2Rivers“ e “Cinco Climas entre os Ríos e os Barrancos do Cambio Climático”, coordinados desde o IES Virxe do Mar, de Noia. A asistencia é gratuíta e aberta ao público xeral. As entradas ao espectáculo son de balde e pódelas conseguir a través deste formulario.

Ao día seguinte, o luns 24 de marzo, haberá unha segunda función para os centros educativos participantes nos proxectos, así como unha sesión de conferencias coloquio nas que participarán o catedrático de Medicina Legal da USC Ángel Carrecedo, co relatorio Xenes e cambio climático; e a cantante, filóloga e antropóloga María Xosé Silvar (Sés), co relatorio Unha visión do musical “Odisea a través do tempo” dende a antropoloxía social.

O evento está organizado polo IES Virxe do Mar, o Concello de Noia, o Conservatorio municipal de Noia e a Escola de Danza Oitos, co patrocinio da Comisión Nacional Española de Cooperación coa UNESCO, para conmemorar o Día Mundial da Auga.