A USC premia a divulgación científica en galego entre o alumnado de ensino medio
21/3/2025
A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Universidade de Santiago de Compostela, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística, convoca a cuarta edición do certame Petiscos de ciencia, co obxectivo de atraer o interese do estudantado de ensinanza secundaria e formación profesional cara á actividade científica e formentar a creación de recursos de divulgación científica en galego. O prazo de presentación de traballos remata o 15 de outubro de 2025.
Pola súa parte, a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas da USC convoca a XIII Edición do Concurso Explícoche Matemáticas 2.0, dirixido tamén a alumnado de ensino medio, para promover a utilización do galego como medio de transmisión das Matemáticas, así como a creatividade do alumnado, a través da realización de curtametraxes breves nas que se explique en galego un concepto matemático. Neste caso, o prazo de presentación de traballos remata o 30 de abril de 2025.