----

O Consello da Cultura Galega felicita aos galardoados coa Medalla do Parlamento

O Consello da Cultura Galega (CCG) quere trasladar a súa felicitación aos novos galardoados coa Medalla do Parlamento de Galicia, entre os que figura o expresidente da institución, Ramón Villares, máis a Real Academia Galega de Belas Artes, entidade que compón o Plenario do CCG. A presidenta, Rosario Álvarez, asistiu este sábado ao acto de entrega.

O presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, destacou a “vocación europeísta" de Galicia, ademais de sinalar “a cultura, a lingua e o territorio" como os alicerces da identidade galega dentro da diversidade multicultural que compón o mosaico europeo. A Medalla do Parlamento recaeu nesta edición na Real Academia Galega de Belas Artes, na Afundación-Obra Social ABANCA e no catedrático Ramón Villares.

Galardoados
O Parlamento de Galicia fixo público un comunicado no que destaca o labor dos galardoados. A Real Academia Galega de Belas Artes "colaborou na catalogación e a musealización dos fondos artísticos da Cámara integrados por máis de 300 pezas de pintura e escultura de artistas galegos contemporáneos". A Afundación-Obra Social ABANCA foi recoñecida pola súa acción de difusión da arte da cultura galegas. Sobre o catedrático e historiador Ramón Villares, o presidente da Cámara autonómica destacou que se trata “dun dos intelectuais máis destacados da nosa historia máis recente do que temos o orgullo de contar coa súa colaboración sempre que lla requerimos”.