NOTICIA

----

Dispoñible Axudádeme a cantar, guía docente para ensinar música tradicional oral nas aulas

Cómo organizar una foliada na escola en sete pasos. Esta é a proposta didáctica que contén a Guía docente Axudádeme a cantar que elaborou o Consello da Cultura Galega (CCG). Coordinada por Renée DePalma, o documento pretende servir de punto de encontro entre os saberes populares e tradicionais cos académicos ao tempo que “visibiliza o papel central das mulleres no patrimonio musical e literario de Galicia, na súa faceta de cantantes e tocadoras de instrumentos de percusión de man”. O documento, orientado ao terceiro ciclo de educación primaria e extensible a outros niveis, xa está dispoñible para descarga. É un produto complementario da serie audovisual homónima elaborada polo CCG que percorre en seis capítulos a historia e presente deste tipo de literatura oral, sostido por mulleres, que non aprenderon en ningunha escola e que son as grandes esquecidas da cultura tradicional oral.

Serie audiovisual "Axudádeme a cantar"·

Renée DePalma coordinou un equipo de traballo multidisciplinar no que participaron Beatriz Busto, Carme Campo, María Jesús Caramés, Xaime Estévez, Cristina López Villar, Marta Otero, Santiago Quiroga e Carolina Vázquez Castro. A guía, maquetada por Raquel Boo, conta con orientacións metodolóxicas e curriculares que facilitan a súa implantación nas aulas.

Unha foliada en sete pasos
A proposta didáctica “Organizamos unha foliada na escola” inclúe sete pasos para un achegamento pedagóxico. O primeiro, titulado “Saber o que é” pretende facer un percorrido histórico sobre a morea de nomes (ruadas, foliadas, seráns, repichocas, polavilas..) que hai detrás deste fenómeno. O segundo paso “Crear comunidade” busca identificar o que os escolares saber sobre as tradicións galegas e o mundo festeiro. O terceiro paso “Planificar o baile comunal” achégase ás expresións do xogo de palmas, a danza en función do ritmo e como se crea o baile que acompaña tratamos o baile cun enfoque crítico canto á reprodución do folclore e, sobre todo, dende a perspectiva de xénero. No cuarto paso, “Buscar melodías”, indágase nas melodías tradicionais co enfoque posto na maneira en que artistas contemporáneos compoñen pezas coa música tradicional como eixe e as actualizan. O quinto paso, “Compilar coplas”, pretende ensinarlle á mocidade o efecto que a emigración tivo sobre estas tradicións e anima buscar coplas nos cancioneiros. Os instrumentos centran o sexto paso, no que se fala do legón, do pandeiro, da lata… e mesmo do corpo como instrumento. A celebración da foliada é o último paso desta guía docente que inclúe no anexo as partituras da Xota de Liñares (Avión, Ourense) e a Xota máis o Agarrado de Teaio (ambas as dúas de Dodro, A Coruña).

Unha serie documental en seis capítulos
A guía docente está vencellada á serie documental homónima que o CCG elaborou en 2023. Dirixida por Carme López, Renée DePalma e Xulia Feixoo achegábase ao pasado e ao presente deste tipo de literatura oral, no que hai tocadoras tradicionais, que non aprenderon en ningunha escola ou asociación, senón pola forma tradicional; participantes en procesos de recollida e divulgación; e tamén artistas modernas que beben das fontes desta tradición, que falan das súas experiencias e comparten a súa arte. “Ten o obxectivo de educar e concienciar o alumnado sobre os temas tratados nos seis capítulos da serie” explica Renée DePalma. No desenvolvemento do recurso didáctico pódense empregar tanto capítulos completos como fragmentos do mesmo.

A serie comeza con “O serán en Toutón: pasado e presente da festa tradicional” no que a tocadora tradicional Lucinda Barcia Garrido “do Peseto” e súa filla Montse Alvariño a iniciativa de revitalización do Serán dos Namorados en Toutón (Mondariz, Pontevedra). Nel amosan algúns cantos e toques típicos da zona, no que cantan acompañadas coa pandeireta e co leghón -unha ferramenta agrícola transformada en instrumento musical -. Séguelle, “A festa da pandeira: celebrando a recuperación dun instrumento”, trasládase ao Piornedo, na serra dos Ancares, para falar deste evento que desde o 2006 reúne tocadoras tradicionais con novas xeracións de músicos e públixo xeral. Unha lata de pemento e unha pandeireta servíronlle a Sira Paz e Orestina Busto, tocadoras tradicionais de Liñares (Avión/Ourense), a contribuír á rica tradición oral e musical da zona. Protagonizan “Pandeirada en liñares: canto, identidade e emigración”, terceiro episodio que introduce o efecto da emigración nas prácticas culturais da zona de Avión. “Historia da Compilación musical nos grupos folclóricos” é o título do cuarto episodio no que María Vidal (Pontevedra), Olga Kirk (A Coruña) e Xabi Iglesias (Lugo) contan as súas respectivas experiencias de recuperación de músicas e bailes na décadas dos oitenta e dos noventa. O quinto episodio, “As novas raíces: resocializando o rural a través da música tradicional”, amosa o traballo de dúas asociacións da Coruña (unha de Ordes e outra de Malpica de Bergantiños) que amosaron como a música de tradición oral serviu, e segue servindo, de ferramenta potente para fortalecer a identidade, o apego territorial e as relacións sociais da comunidade local. Pecha a serie “Das aldeas aos escenarios: a música de tradición oral no panorama musical galego”, que recolle o traballo pioneiro da histórica agrupación Leilía.