----

Cincocentas voces cantarán a Castelao en Rianxo na novena edición de No bico un cantar

O 75º aniversario do pasamento de Afonso Daniel Rodríguez Castelao centra a nova edición de No bico un cantar, unha actividade organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG) que pon música á tradición literaria galega para divulgala entre o alumnado dos conservatorios e centros de ensino musical de toda Galicia. 500 nenos e nenas, coa novidade da colaboración especial do Instituto Arxentino Galego Santiago Apóstol de Bos Aires, participarán neste encontro, que terá lugar na praza de Rafael Dieste o vindeiro 6 de xuño (18:00 horas). A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, destacou na rolda de prensa de presentación do concerto que “é unha das actividades máis emocionantes do noso calendario que este ano cumpre nove edicións presenciais”. O alcalde, Julián Bustelo, agradeceu a elección de Rianxo para homenaxear a Castelao “nun ano especialmente significativo”. O director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, incidiu “no traballo previo de varios meses que remata nunha xornada de convivencia”. Na rolda tamén estaban o subdirector xeral de Aprendizaxe Permanente, Ensinanzas Artísticas, Idiomas e Deportivas, Rubén Vázquez, máis o director do concerto, Maximino Zumalave, quen destacou o repertorio popular no que haberá a estrea absoluta de Daniel, peza composta para a ocasión por José Luís do Pico Orjais, con arranxos musicais de Juan Durán.

A novena edición do encontro musical No bico un cantar chega á vila de Rianxo, onde naceu en 1886 Afonso Daniel Rodríguez Castelao. A actividade, que terá lugar o venres 6 se xuño, arrancará pola mañá coa chegada dos nenos e nenas desde diferentes puntos de Galicia para os ensaios previos, nunha xornada de convivencia que contará con diferentes actividades lúdicas que acompañan os ensaios, os únicos que realizan todos xuntos, xa que ao longo do ano fano nos seus respectivos centros. Pola tarde, ás 18:00 horas, terá lugar o concerto na praza de Rafael Dieste. Maximino Zumalave volve poñerse á fronte deste concerto, que contará coa participación da agrupación de metais Hércules Brass, conformada por Alejandro Vázquez (trompeta), Víctor Manuel Vilariño (trompeta), Javier González (trompa), Iago Ríos (trombón) e Rodrigo Rodríguez (tuba), que se converte nesta ocasión nun sexteto coa participación de Pablo Fernández Guzmán (trompa convidado). No recital participarán alumnas e alumnos dos conservatorios profesionais de música (CMUS) dependentes da Consellería de Educación: CMUS da Coruña, CMUS Xan Viaño de Ferrol, CMUS Xoán Montes de Lugo, CMUS de Ourense, CMUS Manuel Quiroga de Pontevedra, CMUS de Santiago de Compostela, CMUS de Vigo, CMUS Felipe Paz Carbajal de Noia, CMUS Profesional de Ribeira Enrique Paisal e o alumnado da escola municipal de Porto do Son, Carnota, Santiago de Compostela, a EMUSPR de Rianxo, o Coro Infantil da OSG o Coro da Escolanía da Catedral de Santiago de Compostela. Este ano, como novidade, participa tamén o Instituto Arxentino Galego Santiago Apóstol de Bos Aires. Un ano máis, a escritora Rosa Aneiros exercerá de mantedora do acto.

O programa
O repertorio homenaxea a figura de Castelao cun programa moi coñecido e popular que nos fala de literatura, de música, de mar e de emigración. Arranca con "Galliard Battaglia", unha peza barroca para instrumentos de vento, representativa da música alemá temperá pola tradición renacentista. A primeira canción é “Bicos do mar”, con letra de Xesús Frieiro Dourado e música de Anxo Romero, que inclúe a gabanza á vila mariñeira lembrada con saudade desde América. Séguelle “Lela”, o pranto pola fermosa Lela de Os vellos non deben de namorarse escrito por Castelao. A vida de Xesús Frieiro, alcumado Pinciñas, estivo marcada por idas e voltas á Arxentina. Foi alí onde coñeceu a Anxo Romero, que formaba parte do Coro Castelao, e entre os dous compuxeron a canción “Ondiñas da nosa ría. A rianxeira”, que tamén se interpreta no programa.

Despois dunha fanfarria, terá lugar canción que se estrea nesta edición. Trátase de “Daniel”, con música composta por José Luís do Pico Orjais sobre un poema de Emilio Pita —colaborador de Castelao— escrito desde a amizade e a emigración. “É unha melodía moi cantable, que está pensada para que os nenos e nenas que participan na actividade se poidan lucir”, en palabras do compositor. O concerto rematará, como é habitual, co “Maio longo” de Rosalía de Castro, xa convertido en himno deste proxecto. Todos os arranxos musicais do programa son do recoñecido compositor Juan Durán.

No bico un cantar
No bico un cantar é unha iniciativa organizada polo Consello da Cultura Galega en colaboración coas consellerías de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia. Nas súas sete primeiras edicións o proxecto estivo dedicado a Rosalía de Castro (2013, Santiago de Compostela), Curros Enríquez (2014, Celanova), Ramón Cabanillas (2015, Cambados), os trobadores medievais (Cangas, 2016), os poetas mindonienses (Mondoñedo, 2017), os alalás (Betanzos, 2018), a tradición musical da raia (Tui, 2019) e en 2024, tras a parada obrigada pola COVID, recuperouse esta actividade coa homenaxe á xeración Nós, que tivo lugar en Ribadavia.