O xurado dos Premios Lois Peña Novo deu a coñecer os/as gañadores/as da vixésimo novena edición destes galardóns, deseñados para animar o proceso de normalización lingüística no eido das administracións públicas, na vida institucional de Galicia e na sociedade en xeral. Nesta edición de 2025 os/as premiados/as son a Asesoría Xurídica da Deputación Provincial de Lugo, por tratarse dunha “iniciativa insólita e valente que está a impulsar unha galeguización integral na práctica xurídica dunha institución pública”; a xornalista Esther Estévez Casado, “en recoñecemento ao seu firme compromiso coa promoción e normalización da lingua galega, destacando como presentadora do espazo da TVG “Dígocho eu”; e Miguel Anxo Seixas Seoane, presidente da Fundación Castelao, polo seu “compromiso coa promoción da lingua e identidade do país, así como coa recuperación de figuras clave da nosa historia e pensamento”.
Podes consultar a acta íntegra do xurado premendo aquí.