Volve o festival de música en galego “Aquí tamén se fala”
26/5/2025
O IES Rafael Dieste da Coruña fixo público o cartel do II Festival “Aquí tamén se fala”, unha iniciativa coa que lle poñen o ramo ao traballo de dinamización lingüística desenvolvido polo alumnado deste centro educativo durante o curso escolar 2024-2025.
O festival terá lugar o 13 de xuño de 2025, desde as 17:00 h, na Praza da Tolerancia (A Coruña) e as bandas convidadas nesta segunda edición son Alana, Dios Ke Te Crew, Pava e Ulex. A maiores, contarán coa colaboración especial de Boyanka Kostova, que xa actuaron na primeira edición, e haberá unha actuación sorpresa. O festival está aberto a toda a cidadanía e a entrada é de balde.