NOTICIA

----

A presidenta realiza unha viaxe institucional a Belo Horizonte

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, está a desenvolver esta semana unha viaxe institucional a Belo Horizonte, Brasil. Arrincou o pasado martes coa visita a Academia Mineira de letras e remata este venres coa inauguración dunha nova itinerancia da exposición Afonso X e Galicia que conta cun programa de actividades complementarias.

A presidenta abreu na tarde deste mércores as actividades complementarias á exposición Afonso X e Galicia que se desenvolven coa Universidade Federal de Minas Gerais (UFMG), a través da Facultade de Letras (FALE). No Auditorio 2003 da FALE/UFMG ofreceu unha conferencia titulada “Unha orixe, dúas linguas: galego e portugués”. O programa continúa este xoves cunha palestra de Sérgio Canedo sobre “Aspectos da relación entre música e texto nas Cantigas de Santa Maria. Ese mesmo día terá lugar unha mesa redonda baixo o título “Cantigas de Santa Maria: temas e traballos con Dona Ângela Vaz Leão”, coa participación da profesora doutora Sueli Maria Coelho como mediadora. Esta mesa abordará o legado da estudosa Ângela Vaz Leão e o impacto da súa obra filolóxica.

O venres, no Centro de Memorias Ângela Vaz Leão (Sala 2010 da FALE/UFMG), realizarase o lanzamento da edición en cinco volumes das Cantigas de Santa Maria, publicada pola Editora Mercado de Letras. A presentación estará acompañada dun recital a cargo do Grupo dos Cantigueiros, baixo a dirección musical do profesor Sérgio Canedo, seguido da apertura da exposición “Ângela Vaz Leão (1922-2024): un mergullo no mundo da Filoloxía”. Após a presentación terá lugar, na Biblioteca Rubens Costa Romanelli da FALE/UFMG, a exposición internacional “Afonso X e Galicia”, comisariada pola profesora Rosario Álvarez. A mostra poderá visitarse até o 27 de xullo de 2025. Ese mesmo venres a presidenta manterá unha reunión coa reitora da UFMG, Sandra Goulart Almeida, na que participan o director da Diretoria de Relações Internacionais (DRI), Azis Tufi Saliba; a viceiretora de Relações Internacionais, Bárbara Orfanó e a profesora e diretora da Faculdade de Letras, Sueli Coelho.

Todas as actividades terán lugar na Facultade de Letras da UFMG, situada na Av. Presidente Antônio Carlos, 6627, Pampulha, Belo Horizonte, Brasil.

A exposición
A mostra, comisariada por Antoni Rossell (UAB), busca dar a coñecer a relación con Galicia de Afonso X, unha relación que está amplamente documentada e que inclúe tanto a propia infancia do monarca como os contenciosos co cabido compostelán ou o contacto que mantivo cos trobadores galegos da época. Esta faceta vital do Rei Sabio, a súa actividade política e familiar e os seus conflitos conforman o primeiro dos bloques temáticos da exposición. A continuación, preséntase o seu labor científico, histórico e cultural, cunha relación das obras e traducións do scriptorium afonsino. O seguinte espazo está dedicado á música do medievo e conta cunha exposición de réplicas de instrumentos dos séculos XII e XIII, como o organistro, a zanfona ou a rota. Nel cobran un especial protagonismo as Cantigas de Santa María, obra cimeira de Afonso X, da que se realiza unha escolma que se presenta simultaneamente en seis pantallas. Tamén se ilustra graficamente como era a vida cotiá do monarca e a sociedade da Idade Media por medio dunha compilación de imaxes extraídas do Códice Rico. O último bloque está reservado á presentación de elementos patrimoniais de diferente índole (pezas de museo, iconografía relixiosa, edificios e documentación), relacionados cronoloxicamente con Afonso X e conservados en todo o territorio galego.

En total, a mostra componse de seis espazos e unha sala central que permiten realizar un percorrido flexible e multidisciplinario pola figura de Afonso X a partir de documentos e testemuños arqueolóxicos, literarios e musicais. Ademais, conta con diferentes niveis de lectura, posto que xunto cos paneis e as proxeccións se instalaron unha serie de códigos QR que remiten a un sitio web no que se aloxan textos recitados, audios e outro tipo de contidos ampliados.