A hostalaría e os comercios de Vilagarcía magnetízanse co galego
27/6/2025
O Equipo de Dinamización da Lingua Galega (EDLG) do IES Castro Alobre (Vilagarcía) presentou o resultado da campaña “Magnetízate co galego”, no marco da cal o alumnado elaborou unha serie de imáns nos que se pon en valor a nosa lingua propia, así como o patrimonio arquitectónico, artístico e paisaxístico de Vilagarcía. Un total de 6.000 imáns foron repartidos onte polo propio alumnado do centro entre medio cento de comercios e negocios de hostalaría vilagarciáns, para que os distribúan entre a súa clientela.
Esta iniciativa forma parte do proxecto de galeguización do comercio local “Implicados co galego”, que o EDLG do IES Castro Alobre desenvolve desde hai dez anos en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vilagarcía.