----

O Consello da Cultura Galega estrea o podcast “Castelao a carón de nós”

O Consello da Cultura Galega estrea un documental sonoro en tres episodios sobre a vida e obra de Castelao na súa nova Plataforma de podcast, Ágora. “Castelao a carón de nós” é o primeiro título dunha serie de producións en formato podcast coas que o CCG quere incrementar a oferta sonora de calidade en lingua galega na rede. Os programas céntranse na figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, nunha oportunidade para escoitar as voces expertas sobre a obra literaria e gráfica do autor. O documental está realizado por Arraianos Producións.

Escoita o podcast

“Castelao a carón de nós” consta de tres capítulos de trinta minutos cada un no que diferentes voces actuais achegan unha nova lectura sobre a vida e obra de Castelao. O director do documental, o xornalista Aser Álvarez, agarda que o podcast sirva como un xeito amable de facer chegar o legado do autor a novos públicos. “Queremos enfocar a divulgación da súa obra dende un punto de vista contemporáneo, baixar ao escritor do pedestal de figura mítica intocable e achegarnos á xente nova e oíntes que non son lectores habituais”.

O podcast percorre as etapas da vida de Castelao dende a súa infancia e adolescencia, ata o seu anos de exilio na Arxentina, pasando pola súa faceta de compromiso político. Está dividido en episodios de ao redor de 30 minutos. O formato conta coa música de Moisés Quintas e un deseño sonoro inmersivo, que evoca os territorios e espazos que habitou o rianxeiro. Conta ademais con fragmentos da súa obra e voces plurais que achegan diferentes pinceladas sobre a súa persoa, relacións e obra artística. Participan no documental Paula Carballeira, Marilar Aleixandre, Miguel Anxo Seixas, Henrique Monteagudo, Núñez Seixas, Siro López, Ángeles Tilve e Noni Araújo.

Álvarez salienta que a ética e o humor son as grandes características que marcan a vida e obra do autor, que demostrou unha sensibilidade extraordinaria e humorística, e maila os golpes da vida é quen de erguerse e saír adiante. “Hoxe máis que nunca é importante traer esa faceta de Castelao aos nosos tempos. Poñer en valor xente con fortaleza e compromiso, que foi quen de sobre levar os golpes da vida. “ O director do podcast conclúe que o formato abrirá novas lecturas para achegarse de xeito próximo á mocidade, con ensinanzas e novas perspectivas para os novos tempos.

Ágora é a nova plataforma de difusión de podcasts do Consello da Cultura Galega. Nela reúnense producións sonoras específicas canda unha escolma de conferencias impartidas no CCG de temática diversa e que permiten coñecer unha diversidade de temas da man de expertos que participaron en xornadas e congresos da institución.