
“Queremos transmitir o noso respecto institucional polo labor desenvolvido polo SGEP ao longo destes anos”, sinalou Rosario Álvarez, “guiados por un sentimento de gratitude pero tamén outro de perda polo peche da entidade”. A presidenta lembrou as diferentes ocasións nas que houbo unha colaboración Pola súa banda, Manuel Dios fixo unha valoración do SGEP desde a súa fundación en 1985, no contexto bélico da Guerra Fría, e as diferentes accións do SGEP, das que destacou “a publicación de materiais sobre a educación para a paz en galego destinados ao traballo escolar”, salientou. “En todos estes anos publicáronse centos de documentos que foron distribuídos a escolas e institutos de toda Galicia”. Paz salientou que “confiamos en que o depósito dos materiais no CCG signifique unha razón máis para poñer en marcha iniciativas deste tipo, xa que as razóns que levaron á fundación do SGEP están hoxe multiplicadas por mil”.
Catalogación e posta en disposición pública
Rosario Álvarez destacou que o CCG porá os fondos a disposición pública previa catalogación, que irá incorporando progresivamente dixitalizacións. Os fondos do SGEP son moi heteroxéneos. Inclúen desde carteis ou as vinte dúas unidades didácticas producidas para escolas ata libros de texto, libros editados, folletos, trípticos, cadernos de exposicións, insignias ou rexistros audiovisuais, ademais dos materiais documentais do funcionamento administrativo do Seminario ao longo do seu período de actividade. Permiten coñecer toda a actividade da entidade ao longo da súa Historia.