Roberto Vidal Bolaño naceu en Santiago de Compostela, no seo dunha familia acomodada que nos primeiros anos do autor comezou a sufrir problemas económicos, o que provocou que tivera que traballar desde moi novo. Ao longo da súa vida desempeñou diversas profesións no eido da creación teatral e audiovisual. Desde iluminador, ata escenógrafo, pasando por xornalista, actor de dobraxe, guionista ou director artístico.
O primeiro contacto do autor co teatro e o cine deuse nos seus anos como estudante do colexio La Salle, onde escribiu pezas de ton reivindicativo no marco das xuventudes obreiras de Acción Católica e dirixiría a súa primeira obra, O Xogadeiro. Na mesma época, comeza a colaborar no xornal El Ideal Gallego con críticas de cine e teatro co obxectivo de entrar de balde nos espectáculos. Gracias á colaboración co medio, coñece a Euloxio Ruibal e Xaquín García Marcos, con quen creou o grupo de teatro Obradoiro e o grupo Teatro Antroido, que derivou na Aula de Teatro da USC. Nestas compañías, escribiría a peza de Laudamuco, señor de Ningures, que obtivo o premio Abrente.
A mediados dos anos 80, participou no nacemento do Centro Dramático Galego (CDG) coa estrea de Agasallo de sombras, que desenvolvería de xeito precario. O autor da entrada salienta as dificultades persoais e laborais que sufriu o dramaturgo nesa época, xa que nacía o seu primeiro fillo e enfrontaríase coa Consellería de Cultura, reticente a financiar os proxectos do CDG. Neses anos, coa creación da Televisión de Galicia, comezaría a compaxinar o teatro co audiovisual, con traballos na dobraxe, montaxes, dirección e todo tipo de empregos relacionados, ademais de poñer en marcha un novo proxecto teatral coa súa parella chamado Teatro do Aquí.
Na compañía estrearía ambiciosas producións propias como Saxo Tenor, Doentes ou Días sen gloria, ademais de obras de Otero Pedrayo. Con todo, o proxecto iría desenvolvéndose con problemas económicos, o que o levaría a optar por postas en escena máis humildes ou novos intérpretes.
A finais dos anos 90, o CDG con Manuel Guede, voltaría a contar co autor en proxectos como A burla do galo ou Mar revolto, Xelmírez ou a gloria de Compostela e Rosalía. Neses anos, comezaría a sufrir de cancro de pulmón. A enfermidade non lle impediu seguir desenvolvendo proxectos na súa compañía, pero que rematou coa súa vida en 2002.
Trala súa morte o autor era velado no escenario do Salón Teatro de Santiago. Alí o seu círculo de amigos e profesionais do sector se reuniron ao redor dos seus icónicos chapeu e nariz de paiaso.
O legado de Roberto Vidal Bolaño, dramaturgo, director, actor e escenógrafo pervive no teatro galego afeccionado e profesional. Foi voceiro fronte os excesos dos poderosos, puxo en escena a obra de escritores galegos como Pedrayo e adicou a súa vida á consolidación do teatro galego independente.


